Saír na Galega

INSISTE UNHA AMIGA miña en que, de termos en conta tanto as tendencias televisivas como as demográficas, de aquí a uns anos serán poucos os galegos e as galegas que non saísen algunha vez na televisión pública. A súa observación non é allea ao hábito de repetir, por veces até a saciedade, espazos televisivos en diferentes -ou non tanto- franxas horarias. Os sucesivos recortes nos orzamentos non fixeron senón intensificar unha práctica que converte en ocasións a pantalla nun carrusel de caras e escenarios coñecidos, como se unha estraña veciñanza irrompese a cada pouco no ámbito doméstico para contarnos as súas vicisitudes.

O acto de contar, tan sinxelo como cotián, é o recurso principal co que se constrúen unha boa parte destes espazos nos que a xente do común, sen unha dimensión pública previa, é a protagonista. Non estou a pensar xa nos populares realities que, nas diferentes versións -supervivencia, academia, encerramento...-, abren a xanela do acontecer diario duns personaxes anónimos convertidos en actores cunha mestura de intriga, emoción e vouyerismo. Penso máis ben nesoutra programación, informativa ou de lecer, ilustrada coa participación da cidadanía. Son reportaxes sobre actividades diversas, cun gusto especial polas folclórico-gastronómicas, que pretenden achegarnos á realidade das persoas que nelas participan. Polas nosas pantallas vemos desfilar acotío vendedoras, familias numerosas, restauradoras, traballadores dos servizos de emerxencia, galegos no estranxeiro e emprendedores diversos, conquistadores unhas veces do mundo rural, outras de enxeñosos proxectos tecnolóxicos: ocios e negocios -máis raramente conflitos- cuxos protagonistas van pasando día a día pola televisión para ofreceren o seu testemuño e contaren a súa historia e suscitar a admiración duns e o fastío doutros. A súa proximidade, ao tratarse de vidas que poderían ser as nosas ou as dos nosos achegados, confírenlles un interese e, sobre todo, unha credibilidade especiais.

O protagonismo televisivo anónimo fomentado por estas reportaxes ofrece unha experiencia singular a quen participa dela e unha oportunidade, a quen a observa do outro lado da pantalla, de coñecer vidas alleas con particularidades se cadra inimaxinadas. Cumpriría preguntarse que achegan estas prácticas a quen programa. Sería ben reflexionar sobre que perfís adoitan ser entrevistados: cal é a súa procedencia, cal a súa situación socioeconómica, cal a súa ideoloxía. Tampouco estaría de máis preguntarnos que imaxe se ofrece de nós en semellante peregrinación, que realidades se ocultan e cales se mostran e, en definitiva, desde que perspectiva se moven os fíos da cruceta dunha televisión que moitas e moitos quereriamos, á marxe disto, máis democrática e plural.

Comentarios