Sainete do ascensor

EN DECEMBRO pasado asistimos ao sainete do ascensor (dos prezos da enerxía eléctrica) representado polo goberno e protagonizado polo ministro Soria no que se puxo de manifesto a súa improvisación e incoherencia, así como a rapacidade das empresas que, presuntamente, compiten no sector. Este sainete permitiu entrever algo desa cousa que chaman economía de mercado, ou sexa a Administración (formalmente democrática) cede un servizo público á iniciativa privada para que, entre outras hipotéticas vantaxes, da competencia entre diversos actores se beneficie o servizo e se axusten os prezos aos custes. A realidade é ben distinta, entréganse empresas rendibles que son fontes de ingresos de todos e para todos a uns cantos que non están cavilando, precisamente, en mellorar o servizo público senón en obter os maiores beneficios posibles, para o que, xaora, non teñen reparo en aparcar o tan louvado mercado e a tan benefactora competencia. O resultado desta connivencia no latrocinio entre poderes públicos e empresas privadas acadou unha expresión tan escandalosa que o goberno non tivo mais remedio que rexeitar o produto da súa lexislación (abortalo) e tapar o burato cunha medida que define como «solapada».

No medio do balbordo xerado polo mencionado escándalo, o presidente do Goberno, o señor Rajoy, manifestou que a enerxía en España é moi cara, circunstancia que lle prexudica á cidadanía, pero sobre todo prexudícalle á competitividade das empresas. Está pensando o señor Rajoy en algunha fonte alternativa de enerxía que permita abaratar os custes neste ámbito? Non se precisa ser moi espelido para ver cara onde miran os seus ollos, entre outras cousas porque na dereita española sempre mostraron afecto por unha enerxía que cualifican de barata pero tamén de limpa, a enerxía nuclear. A impresión colectiva xerada como consecuencia do ocorrido en Fukushima, onde a imprevisión de fenómenos sísmicos levou a unha importante contaminación radioactiva de augas, terras, seres vivos e, por suposto, persoas, impediu que se teñan feito públicas decisións relacionadas coa ampliación do parque de centrais nucleares no territorio do estado español, pero do feito de que de cara á opinión pública se sinale ás enerxías renovables como principais responsables do incremento na tarifa eléctrica e das citadas palabras de Rajoy despréndese un apreciable cheiro nuclear.

A experiencia, mesmo a máis recente, mostra que a tecnoloxía non ten acadado o nivel esixible para proceder ao emprego de combustibles nucleares sen producir, simultaneamente, exposicións a graves riscos. O mesmo ocorre coas medidas a desenvolver en caso de accidente nuclear con fuga radioactiva, coa agravante de que determinados isótopos presentes nesa radioactividade ficarán durante milleiros de anos sen degradarse. Non pretende desenvolverse aquí un discurso sobre as características da enerxía nuclear e os perigos da súa manipulación, sinxelamente advertir de que, tal como ven sucedendo noutros ámbitos (vg. reforma laboral) primeiro deséñanse as medidas a adoptar mais beneficiosas para a oligarquía que dirixe aos que nos gobernan e a continuación impúlsanse as circunstancias que as farán pouco menos que inevitables. Ese é o procedemento polo que se chega ao escándalo inconmensurable e inaceptable para a especie humana (se lle queda algo de humanidade) de que 80 persoas dispoñen de recursos económicos equivalentes, conxuntamente, aos posuídos por 3.500.000.000 de persoas, evidentemente, menos afortunadas.

O principal obstáculo para que os depredadores económicos non leven adiante estes e outros proxectos, en xeral prexudiciais para o conxunto da sociedade, consiste na reflexión sobre o que sucede, como sucede e por que sucede; sobre todo en impedir, como se pretende, a xeralización da súa ollada, xa non como unha alternativa mais a contemplar, senon como a única posible. Se, en termos aristotélicos, o que nos distingue é o ‘logos’ (palabra, razón), sigamos ao filósofo e fagamos uso dese logos que nos constitúe como seres humanos, un logos que terá que estar emancipado como nos ten advertido Kant e que tantos outros, antes, agora e sempre pretenden deturpar porque para eles o ser humano non é un fin en si mesmo, é só unha ferramenta (escravo, servo, proletario,…) ao servizo das súas propias metas..

o voo da curuxa

Comentarios