Saiamos de aquí

"SAIAMOS de aquí!” seica dixeron os anxos ao abandoar o templo de Xerusalén antes da súa destrución polos romanos baixo o mando de Tito, ainda que Flavio Josefo fala de voces no ar. Os anxos, ou cando menos aqueles, xa se sabe que son celestiais e quizais por iso osmaron o que se aveciñaba sen recorrer a análises, prospectivas, proxeccións, enquisas e estudos varios, dos que os mortais precisamos botar man para tomar decisións, figuradamente claro, porque agora estamos perante disxuntivas menos drásticas. Pero ás veces, mesmo despois de toda unha longa e fonda reflexión, cabe a posibilidade do erro, porque xa se sabe que o tempo dá e quita razóns. A nosa experiencia neste sentido é afortunada, porque conta coa aquiescencia temporal na forma de sucesivos acontecementos que xustifican a adopción hai algún tempo da frase atribuída aos anxos, ou sexa abandoar o barco atusmando o cambio de bandeira. Ilustremos o asunto.

Cando estamos xa relativamente próximos á festa da democracia, por utilizar unha das máis ocorrentes frases do que foi portavoz parlamentar e conselleiro do PP señor Pita Varela, os medios de comunicación informan dun curioso caso de enxeñería electoral: unhas setecentas persoas maiores que participaban nunha excursión a Portugal, foron desviadas da súa ruta e recalaron en Oia; aquí foron convidadas a xantar e a bailar e, por suposto, a un mitin do vicepresidente e candidato señor Quintana, unha persoa que nesta e noutras ocasións ten manifestado as súas preferencias por este tipo de eventos, particularmente mesturados cun xantar precedido de presentador televisivo da propia parroquia e, naturalmente, do uso da palabra en réxime de autobombo. En fin ,isto é algo bastante común e conta con ilustres precedentes como aquelas romarias das que tanto gostaba o señor Fraga, se ben substituíndo o bailoteo pola queimada. Ocorre que nesta ocasión, o evento cadra coa campaña electoral e moitos dos asistentes aseguran que foron vitimas dunha especie de rapto, palabra excesivamente forte para o noso gosto.

Ademais todo depende da sorpresa final. Recorramos a outra das afeccións do candidato, como é o cine. Na película A lista de Schindler, o grupo de presos xudeos conducido despois dunha viaxe en tren a un local co anuncio de que ían recibir unha ducha, algo por certo estarrecente para aquela xentiña que tiña detras da orella a sospeita de que o que ía saír do teito non era auga. Pero finalmente resulta que se trata efectivamente de aquecedora auga e a ledicia é desbordante.

Non sei moi ben por qué, pero a contemplación deste e doutros aconteceres traenme á memoria un dos máis estudados e imitados poemas de Góngora:

Aprended, Flores, en mi
lo que va de ayer a hoy,
que ayer maravilla fui,
y hoy sombra mía aun no soy.

Ao mellor é polas abondosas reescrituras políticas que del se fixeron, unha das máis famosas dedicada ao valido Godoy.

Comentarios