viernes. 15.11.2019 |
El tiempo
viernes. 15.11.2019
El tiempo

"Eu aínda sigo crendo na poesía, pero probablemente son un becho raro" (18/02/2014)

Sabino Torres, en 2014
Sabino Torres, en 2014
"Todo é frío e vento", quéixase Sabino Torres (Pontevedra, 1924) do inverno galego dende Madrid. "A Pontevedra hai que ir coa primavera". O fundador da colección Benito Soto recibiu na capital de España unha homenaxe por conta do grupo Bilbao de poesía galega, ao que ten moita estima. "Home, grazas a eles podo falar galego aquí unha vez á semana"

"unhas memorias pontevedresas teño previsto publicar da man de Galaxia cara a primavera", avanza, camiño de cumprir 90 anos, o escritor e editor Sabino Torres. "Non penses que hai moita documentación sobre como era e o que pasaba naquela cidade dos anos 40 que eu coñecín". Por iso el, que ten boa memoria, quere deixar por escrito todo o que lembra. "A cabeza está perfecta", presume. Personaxe fundamental da historia de Pontevedra e de Galicia, Torres é membro correspondente da Real Academia Galega (RAG). Exerceu o xornalismo con Emilio Canda e Celso Emilio Ferreiro na revista Finisterre, antes de pasarse ao xénero poético, que xa non abandonou xamais. En 1949 fundou con Manuel Cuña Novás e Emilio Álvarez Negreira unha colección histórica de poesía en galego e castelán, Benito Soto, que tivo como director ao mesmo Celso Emilio. Con Álvarez Negreira recuncaría 40 anos despois, en 1992, fundando outra colección do mesmo xénero, Hipocampo. Afincado en Madrid, Sabino Torres recibe hoxe unha homenaxe por parte do grupo Bilbao de poesía galega na Casa de Galicia. "Sempre está ben que se lembren dun", di. "Eu tamén me lembro dos demais, non vaias pensar. O outro día mesmo estiven a punto de enviarvos un artigo ao Diario de Pontevedra a ver se o publicabades".


"Pontevedra é unha cidade un pouco rara. Acusa falta de ilusión. Non é que estea durmida, como se dicía antes, é que parece que todo lle dá igual"

Cando queira.

É un pouco ao que me adico agora: a escribir algunha cousa, a ir ao cine e ao teatro. É que xa son moitos anos. Son un Matusalén! (ri) Que che vou contar: ao fútbol non vou e ao amor haberá que ir renunciando. Parece que ten que ser así. E iso que se di o de que sempre hai un roto para un descosido. Pero a estas alturas, non sei eu.

Eu creo que máis ben vai camiño de ser como o cineasta Manoel de Oliveira, que con máis de cen anos seguía dando guerra.

Ah, é que eu quero seguir dando guerra. Oxalá. Por agora non hai queixa. O único que me falta son os amigos. Xa non me quedan. Non queda ningún do meu grupo literario: Negreira, Cuña Novás, Pepe Riol... Nin da miña infancia. Todos morreron.

É igual o último dunha estirpe.

Non debo andar moi lonxe de selo. Todo aquel grupo fixemos tantas cousas: teatro, tertulias... Movemos un pouco a cidade. Foi unha pena que todo aquilo desaparecera, que xa a ninguén lle interesen ese tipo de cousas.

Pensa que non houbo relevo para aquela xeración?

Non houbo, non. Quen sabe por que! Pontevedra éche unha cidade un pouco rara. Acusa un problema terrible: a falta de ilusión. Antes dicíase moito aquilo que de Pontevedra durme mentres Vigo traballa. Non é verdade: Pontevedra está esperta. Pero reacciona pouco e mal. Para min que o problema é outro: parece que todo lle dá igual.

"Unha raia non é un poema, póñase o poeta como se poña. Un poema é unha historia, un relato. Carlos Oroza non é outra cousa que un gran narrador"

A "falta de ilusión" podería relacionarse coa situación política e económica actual e tamén podería facerse extensible máis alá de Pontevedra.

Algo diso hai seguramente. Ben se ve que a xuventude está descorazonada, sen cartos, sen aspiracións, sen saber que facer. Pero nós fixemos cousas brillantes nunha época tamén moi difícil: no final dunha guerra e no medio doutra. A colección Benito Soto puxémola en marcha no 49. Mira que ano. Non sabiamos o que era ter cartos. Había fame incluso con diñeiro porque o que non había era alimentos e ata o pan se daba cun cupón. Manexábase o estraperlo. Así había tanta enfermidade, tanta tuberculose. Morriamos de ganas de ver unha película, pero iso era un luxo. E para acabar indo a general, ao galiñeiro. Quen puidera ir a butaca. Pero o que tiña unha peseta gardábaa para convidar a unha moza. Que remedio.

Parece unha insensatez poñerse a pensar en poesía nese contexto.

É que eramos uns insensatos seguramente. Pero eu creo na poesía. Crin e sigo crendo na poesía como algo importante da vida, aínda que probablemente son un becho raro. Cada vez que leo un poema bonito sigo sentindo que dei con algo extraordinario. Revívese un pouco cun verso fermoso. Un poema é un pequeno mundo. Todo está na poesía, dende a filosofía á historia, pasando pola beleza máis pura. Todo está na poesía.

Está logo por enriba da novela, do ensaio e de calquera outro xénero literario?

Para min si. Fáloche, claro, dunha concepción clásica da poesía. Hai poemas hoxe que quizais son outra cousa. Como esta música moderna que se escoita, que case non ten melodía, que ás veces é simplemente ruido. Para min iso xa non é música. Eu cando falo de música refírome á música clásica, a esa estrutura, esa composición, ese sentido.

"A Cabanillas admireino enormemente. Tamén a Otero Pedrayo, aínda que con este o trato sempre foi de ti a ti, como dous camaradas"

Non lle gusta logo a poesía contemporánea?

Algunha si e outra non. O outro día merquei un libro no que un poema era unha raia. Iso non é un poema, póñase o poeta como se poña. Iso é unha raia! Un poema, xa che dixen, é unha historia, un relato. Poñamos por exemplo Carlos Oroza, un poeta que sempre me gustou, un poeta con maiúsculas. El non é outra cousa que un fantástico narrador. Aquí poderiamos falar dunha cousa que me parece moi importante: antes un poeta era simplemente iso, un poeta. Agora un poeta é un profesor de literatura.

Parécelle que o xénero peca de academicismo?

Iso tamén, pero dígocho literalmente: os poetas son hoxe todos profesores de literatura. Iso non creas que beneficia á poesía. Pásalle un pouco como aos xornais. O de xornalista era antes un oficio que se aprendía traballando. Un entraba de meritorio e remataba dirixindo o periódico. Agora chégase cunha carreira universitaria, coas leccións aprendidas, pensando que un o sabe todo do oficio.

En realidade agora cada vez chega menos xente nova aos xornais pola crise do papel, xa sabe.

Aos xornais vaille pasar o que lle pasou no seu día á imprenta: tivo que reinventarse. A imprenta clásica desapareceu e houbo que refundar todo aquilo. Eu non me preocuparía: a xente ten que informarse dalgunha maneira. Cambiará o aspecto, cambiará o formato, reestruturaranse as cabeceiras, pero a historia da prensa continuará.

Fala dos anos 40 en Pontevedra con nostalxia. É quizais ese o gran momento da súa vida?

Tiña 20 anos, que che vou contar. Sen dúbida foi unha época fundamental. Pregúntalle a calquera se o gran momento da súa vida non foi con 20 anos. Ese periodo foi moi importante na miña traxectoria: o que fixen, as amizades... Todo o que me pasou ata que casei. Con 30 anos. Era un home maior. "Este Sabino no se casará nunca". "No, no tiene pinta de casarse. No va con él". Daquela a xente casaba moza. Eu era un vello e iso daba moito que falar, xa podes imaxinar. E fíxate, despois acabei 40 anos casado coa miña muller. Unha vez que llo contaba a unha amiga non daba creto. "Pero, como, levas 40 anos casado coa mesma muller? Eu levo só doce, pero con tres maridos!". Ata nisto son un becho raro, como ves.

"Estou asustado co desapego lingüístico. Había que falar galego na rúa, nas festas... O amor tíñase que facer en galego"

E se lle pregunto pola persoa máis importante da súa vida? Celso Emilio? Cuña Novás?

Eses dous foron dous grandes amigos. Con eles compartín moitas cousas. Pero non sabería a quen destacar. Houbo xente á que admirei moitísimo, que me influíu enormemente. Por exemplo tería que mencionar a Ramón Cabanillas. El era xa un home moi maior e eu era só un adolescente. Convivín todo o que puiden con el porque dende o primeiro momento sentín unha profunda admiración por el. Outra persoa que tratei e que para min foi moi importante foi Otero Pedrayo. Pero xa era algo diferente porque con este a conversa era máis de ti a ti. Penso que nunca me tratou como a un rapaciño. Eramos como dous camaradas. Lembro unha vez que saiamos do Lyon D'Or el, Tino Grandío e mais eu e me dixo: "Sabino, á tertulia deste café non se pode volver. Está chea de vellos". E tiña razón. Alonso Montero e eu debiamos ser os máis novos. Foi alguén que deixou sen dúbida unha fonda pegada en min.

Arrepíntese de algo que fixo ou deixou de facer?

Ui, arrepíntome de moitas cousas. E de ningunha, fíxate ben. Se volvera vivir, seguramente faría moitas cousas doutra maneira. Iso tampouco quere dicir que me arrepinta. Hai unha frase, creo que Walt Whitman, que di: "Yo me pongo el sombrero como me da la gana". É exactamente o que fixen toda a miña vida. Facelo así tróuxome tantos problemas como satisfaccións. En fin, de todo se aprende. Despois, ante as grandes traxedias da vida, das que tamén sei bastante, pouco pode facer un. Mortes de fillos... Iso si que te castiga duramente aínda que acabes tirando para adiante.

E terlle adicado tanto esforzo á edición poética, teríao cambiado?

Iso xamais. Ao final a poesía é o único que me queda. A miña última gran amiga, aínda que tamén me ten dado moitos disgustos. E grandes! Sen embargo, nunca deixei de escribir. Cando tiven que deixar o xornalismo e buscarme a vida fóra das letras, seguín escribindo. De viaxe, nos avións, enfermo na cama... Sempre escribín. Contos, sonetos... Alonso Montero di sempre que eu tería sido un bo sonetista. Antes existía esa categoría, non sei se o sabes.

A máxima categoría sería.

Fíxate que había un xeneral en Pontevedra, don Leocadio López, que escribía un soneto diario. E chegaba tarde aos sitios porque, oe, estaba rematando o soneto. Era parente de Bóveda.

Igual é o último militar sonetista que existiu.

Non era malo, eh. Pero, claro, eu que sei... Tiña un libro que se titulaba Mis amores: Dios, patria y Franco. Porque, por suposto, unha cousa non quita a outra.

Como ve dende Madrid a situación da cultura e da lingua galega?

Eu estou asustado. Preocúpame moito todo o que pasa. Percíbese unha desafección, un desapego popular. Como pode ser? Quizais faga falta unha figura, un Lorca galego. Quen sabe. Tense que falar o galego na rúa, nas festas, nas escolas... Onde se xunta a xente nova tíñase que falar galego. O amor tíñase que facer en galego.

"Eu aínda sigo crendo na poesía, pero probablemente son un becho...
Comentarios