Saber mirar é saber vivir

TODOS TEMOS dous ollos. Son os órganos da visión, tan importante que se calcula que ata un 80% da información que chega ao cerebro faino a través dos ollos. Calquera ollo pode ver pero non todos saben mirar. Só miran os ollos curiosos e atentos, os máis sensibles, os entrenados para mirar. De aí a importancia de saber mirar. Unha boa fotografía non está na lente da cámara, está no ollo do fotógrafo que sabe mirar. Un cadro de Miró, de Mondrian, de Picasso pode emocionar a quen sexa capaz de admiralo, mentres para outro só é un conxunto de manchas. A ignorancia atrevida di: iso faino ata un neno pequeno

«O esencial é invisible aos ollos», escribe Saint-Exupèry. Afondamos infinitamente máis cos sentimentos que coas sensacións. Poderíase pensar que quizais eses ollos non foron educados para mirar, non aprenderon esculcar con detalle. Tamén é certo que cando nos afastamos somos capaces de ver máis porque a distancia obriga a pensar, esa forma tan fonda de ver.

Todo pasa moi rápido diante de nós e os ollos só poden rabuñar na superficie. Na rúa, nas revistas, nas múltiples pantallas hai unha superoferta de imaxes. Son tantas que, se non aprendemos a mirar, a escoller, a organizar, a desbotar, acaban saturando os ollos e ningunha deixa pegada no cerebro. O exceso de información é unha forma eficaz de cegueira.

Os ollos ven, pero só o cerebro que mira a través deles penetra nas cousas, nas persoas. Para mirar hai que parar para observar, deterse para contemplar, ficar en silencio para descubrir o que se agacha ao outro lado dos ollos. Ou detrás da pel dos obxectos.

Os amantes non necesitan dicir nada porque levan todo escrito nos ollos. O silencio luminoso que hai entre elles fala de xeito estrondoso. As palabras estórbanlles e precisan todo o tempo do mundo para recrear as imaxes necesarias.

Para ver precísanse ollos, para crear necesítanse miradas. Porque a mirada é o primeiro paso para a creación do coñecemento. Dos gregos, sementadores da nosa cultura, aprendimos a mirarnos a nós mesmos, para logo mirar aos outros, e despois ao universo. As miradas cara adentro transfórmanse en ideas e cando miramos cara a fóra somos capaces de reinventar a realidade. A mirada é a luz que ilumina a nosa curiosidade.

Non abonda con mirar o que os outros miraron, cómpre aprender a mirar por un mesmo. Diante dos ollos represéntase cada día o gran teatro do mundo. Nel, somos espectadores e a mirada transfórmanos en actores. Fartos de ver sen mirar, acabamos vivindo a vida desde fóra. Se non vemos ben, poñemos gafas, pero… e se non aprendemos a mirar? A visión activa os ollos, a mirada acende as luces do cerebro. Mirar é aprender a pensar. Saber mirar é saber vivir.

Os amantes non necesitan dicir nada porque levan todo escrito nos ollos

Comentarios