Sabela: ''As actuacións máis emotivas foron para os emigrantes''

Sabela, nun miradoiro fronte á ría de Ribadeo (Foto: I. García)
photo_camera Sabela, nun miradoiro fronte á ría de Ribadeo (Foto: I. García)

Moitos téñana visto actuar nas romerías do seu pobo. María Isabel Silva, Sabela, comezou da man de Manuel Muñiz na orquestra Compostela e despois na Guayaba, interpretando os temas máis enxebres da canción popular galega ata que pouco a pouco foi versionando aquelas cancións dándolles un cariz máis moderno. Así, nos seus discos introduciu o que ela mesma denominou o galego mix, é dicir, cancións que foron moi populares nos anos sesenta pero versionadas con ritmos modernos. "De feito, agora xa vou polo terceiro", puntualiza a artista nada na localidade coruñesa de Boqueixón, aínda que dende hai dous anos e medio reside na vila de Navia, no Occidente asturiano. Adoita facerse ver por Ribadeo, aínda que segue vencellada á provincia coruñesa, onde naceu e onde hai pouco leu un pregón en Lestedo.

Será esta a súa residencia definitiva?
É moi difícil aseguralo, a verdade é que esta zona da Mariña encántame, estou coñecéndoa agora porque aínda que actuei aquí, só sabía como era de noite, non de día. Por exemplo, hai pouco estiven no programa de radio da Galega, de Marcial, na Festa do Berberecho de Foz, pero tírame moito Santiago. De feito fun por por alí hai pouco, para ler o pregón da Festa da Filloa de Lestedo esta fin de semana e tamén me deu tempo a ir votar, porque sigo censada en Cacheiras, así que sigo sendo galega.

En que proxectos se atopa agora?
Acaba de saír o meu último disco, La capitana, onde se poden atopar cancións en galego, castelán e tamén en asturiano, máis ben, un asturiano do Occidente falado á miña maneira porque na lingua gústame a naturalidade, que a xente fale coma sempre o fixo na súa casa. É un disco de verbena, con temas coma A viúva, que me demanda moito o público nas verbenas. Logo, de maio a outubro, comezarei a xira de actuacións por Galicia, aínda que non sei se virei por A Mariña, pero encantaríame. O novo disco presenteino o pasado xoves no programa das tardes de Piñeiro, porque ten un tema adicado ó Carnaval. Pola televisión seguirei indo, adoito actuar no programa Luar tres veces ó ano.

Que actuación lembra coma a máis emotiva?
Cheguei actuar ante máis de 5.000 persoas por exemplo na Festa do Viño de Cambados, pero quizais as máis emotivas foron ante os emigrantes galegos en Venezuela, Arxentina, Londres e Suíza, aínda que nestes últimos países europeos os concertos foron en salas porque non é costume alí que haxa festas ó aire libre. Ademais, na Arxentina aproveitei para coñecer a parte da miña familia.

Que opina da actualidade do panorama musical galego?
Hai boas iniciativas, por unha banda, porque a idea dos locais de ensaio dos que por exemplo hai un en Ribadeo para incentivar sobre todo a xente moza na música, paréceme excelente; tamén son bos os avances das novas tecnoloxías xa que practicamente un só pode grabar un disco con equipos informáticos; sen embargo, a piratería por exemplo, é unha clara ameaza para o sector. Ademais, a xente prefire as grandes orquestras e fanse discos sen pensar en gañar cartos, tan só como cartas de presentación, que financia integramente o músico. Con respecto ós gustos persoais, nestes momentos parécenme bos grupos coma Amaral ou Maná.

Conserva moitos amigos no eido da música?
Si, a algúns deles coñecinos naqueles tempos nos que había que viaxar ata Barcelona ou Madrid para grabar os discos. Teño relación, aínda que fai moito que non os vexo, con Sergio Dalma, que é encantador, Ana Reverte, Silvia Pantoja, á que coñecín cando comezaba, Moncho o dos boleros, Francisco, co que coincidín na televisión autonómica e María do Ceo, por exemplo. Con ‘Cómplices’ coincidín precisamente nun restaurante ribadense non hai moito.

O pasado martes foi o aniversario do nacemento de Rosalía, á que lle adicou unha canción hai anos.
Si, foi unha idea de Manuel Muñiz adicarlle unha canción á poetisa galega, tamén houbo outra para Pucho Boedo. Co tempo, gustaríame acabar facendo boleros e baladas, pero cando vexa que a xente non responde, creo que unha retirada a tempo é unha vitoria.

Comentarios