Epicentro das variantes da ruta norte

Rutas con proxección internacional

A declaración conxunta das rutas xacobeas do Norte e Primitiva como Patrimonio da Humanidade eleva a cinco os bens de interés mundial situados en Galicia e converte á provincia de Lugo nun referente, xa que aos camiños a Santiago -o Francés xa tiña esta distinción- súmase a muralla de Lugo
Vista parcial do perímetro da muralla de Lugo
photo_camera Vista parcial do perímetro da muralla de Lugo

A declaración dos Camiños do Norte a Santiago de Compostela o pasado 5 de xullo -e dos 16 monumentos de máxima relevancia relacionados con estas rutas xacobeas- como Patrimonio da Humanidade, por parte do Comité do Patrimonio Mundial da Organización das Nacións Unidas para a Educación e a Ciencia (Unesco), aumenta ata cinco os bens recoñecidos en Galicia. Así o manifestou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, que valorou como "trascendente para o desenvolvemento cultural e económico de Galicia" este novo galardón "que sitúa á nosa comunidade con cinco bens patrimonio da humanidade" e a España con 45 bens inscritos na Lista de Patrimonio Mundial. É o terceiro país con máis bens declarados só por detrás de Italia e China.

Os camiños Primitivo e Norte súmanse ao conxunto formado polo casco históricos de Santiago de Compostela, o Camiño Francés, a torre de Hércules e a muralla romana de Lugo.

Dos 16 monumentos asociados aos Camiños do Norte nas comunidades de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco y La Rioja, tres se sitúan na provincia de Lugo :as catedrais de Lugo e Mondoñedo e a propia muralla romana. O cuarto en Galicia corresponde ao mosteiro de Sobrado dos Monxes, na provincia da Coruña.

A candidatura destas rutas xacobeas foi promovida polos gobernos autonómicos das distintas comunidades por onde pasan , así como polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte do Goberno Español, para que se recoñecese o que son as raíces da peregrinación a Santiago.

RUTAS. O Camiño Primitivo está considerado como a primeira ruta, a que ten as súas orixes no momento da «inventio» ou descubrimento da tumba do Apóstolo Santiago no século IX. é a que seguiron os reis asturianos sobre os antigos trazados das vías romanas que, a través da cidade de Lugo, unirían a capital do reino en Oviedo con Compostela.

Este Camiño Primitivo ou Camiño de Oviedo entra en Galicia polas Terras de Burón, na Fonsagrada, para chegar a Lugo logo de atravesar altos de montaña con bosque autóctono e núcleos tradicionais. En Lugo, o Camiño atravesa a muralla romana, ben da Lista do Patrimonio Mundial desde o 2000 e construída a finais do século II para defender a cidade. No interior do recinto amurallado atópase a catedral de Lugo, de origen románico, pero con elementos góticos, barrocos e neclásicos.

Máis ao norte, e recollendo aos peregrinos que arribaban aos diferenes portos do Cantábrico, figura o Camiño Norte ou da costa, que entra en Galicia por Ribadeo. No seu percorrido cara a Santiago pasa pola cidade de Mondoñedo e a súa histórica catedral.

Antes de chegar a Santiago, o Camiño Norte descansa o mosteiro de Sobrado dous Monxes, un impresionante cenobio no que permanece a vida monacal dunha comunidade cisterciense dedicada á agricultura e a gandería, así como á súa permanene asistencia a peregrinos, xa que acolle unha hospedería e un albergue.

Trala declaración da Unesco, a Xunta anunciou un plan director que reforzará as actuacións nos Camiños do Norte para aproveitar os beneficios da súa consideración como Patrimonio da Humanidade. Este recoñecemento conleva beneficios de tipo económico dados polo incremento do turismo, e patrimonial, xa que a distinción esixe aos organismos tutelares a súa conservación.

Neste contexto, a Xunta de Galicia anunciou algunha das medidas deste plan director. Por unha banda, reforzará a oferta de albergues e construirá dous novos nesta rutas: un deles na Casa Pasarín, no centro histórico da Fonsagrada, e outro nun enclave aínda por determinar.

Ademais de ampliar a rede de albergues, as accións encamiñadas á promoción destas rutas incluirán a mellora da rede wifi nos Camiños do Norte, ao abeiro do ‘Plan Smart Turismo’, a sinalización e a seguridade vial nos camiños.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou que o ano 2016 será o Ano do Camiño Primitivo e do Norte, co que se pretenderá promocionar estas rutas xacobeas en coordinacion co resto de administracións implicadas para sacarlle proveito a este recoñemento.

Comentarios