Rumbo a Compostela polos Ancares

Un novo Camiño vello: No 1495, un monxe de Alsacia escribiu unha guía da súa viaxe ata Compostela que desvela un segredo a voces: había unha ruta alternativa ao Camiño Francés a través dos Ancares. Os peregrinos elixíana para evitar o frío. Este itinerario, a Vía de Künig, unía Pedrafita e Lugo por paraxes que aínda conservan as pegadas

Un libro que dá pistas, moitas lendas que as complementan, lembranzas que pasan de pais a fillos e restos demasiado evidentes. Un compendio de sinais que caeron en boas mans e que foron investigados ata confirmar a sospeita: había un Camiño de Santiago alternativo ao Francés a través dos Ancares.

Herman Künig von Vach, un monxe de Estrasburgo (Alsacia), describiuno con claridade no ano 1495, nunha guía da ruta xacobea que escribiu para peregrinos alemáns. Nela detallaba todo tipo de datos para facilitarlles o percorrido aos camiñantes e, ao chegar a Pedrafita, recomendaba abandonar o Camiño Francés e seguir un trazado alternativo máis ao norte, para evitar a difícil orografía e os altos nevados do Cebreiro, San Roque ou O Poio, difíciles de atravesar no inverno. Esta ruta, coñecida como a Vía de Künig, conduce ata a cidade de Lugo, onde conecta co Camiño Primitivo.

Herman Künig von Vach era un monxe da orde mendicante dos servitas. Comeza a súa viaxe en Suíza, atravesa os Alpes e, pola Vía Tolosana, chega aos Pirineos e conecta en Roncesvalles co coñecido como Camiño Francés.

Desde ese punto, describe con moito detalle os lugares polos que pasa e ofrece todo tipo de información útil para os camiñantes, como onde poden comer, durmir, direccións a tomar e distancias.

A partir de Vilafranca, a descrición vólvese máis tosca. Di que hai bo viño e pouco máis conta, pero indica con breves comentarios os lugares polos que vai pasando e as leguas que hai dun a outro. Destes apuntes dedúcese a alternativa ao Camiño Francés.

Os membros do colectivo Patrimonio dos Ancares tomaron boa nota dos detalles e elaboraron unha proposta que presentarán á Xunta para solicitar o recoñecemento oficial desta vía. A clave da cuestión está entre Pedrafita e Lugo.

Ao chegar ao porto de Pedrafita, Herman Künig propón desviarse cara ao norte do Camiño Francés para evitar o frío. Di que hai que andar dúas leguas -uns nove quilómetros-, ata un lugar que coincide con Doncos, aldea de As Nogais situada no camiño medieval, cun castelo para defender os peregrinos e unha igrexa dedicada a Santiago. De momento, todo cadra.

Despois camiña outras cinco leguas ata «un lugar situado sobre un empinado monte», que só pode ser Becerreá porque é o único pobo da zona que está nunha ladeira. É lóxico que desbote a opción de continuar polas Nogais porque era un terreo pantanoso pouco recomendable para camiñantes nas épocas de chuvia.

En Becerreá estaba o mosteiro cisterciense de Penamaior. Nos seus arquivos atopáronse referencias ao paso habitual de peregrinos. Desde alí, Künig salta a Lugo, lugar ao que el chama Lucas, situado a 15 leguas. Desta cidade di que «hai unhas augas termais», e aconsella «que ao lado dos baños, pases por unha ponte», a romana, e indica que desde alí hai nove leguas ata a «cidade destruída», onde conta que hai un hospital «que non ten moito valor». Esa cidade é Melide, cuxas murallas e castelo foran derrubados polos Irmandiños poucos anos antes, no 1467.

Xabier Moure, do colectivo Patrimonio dos Ancares, asegura que entre Pedrafita e Lugo hai moitos sinais que confirman o peso da ruta de Künig como alternativa invernal.

Non hai testemuño documental explícito á marxe do libro do monxe alemán, pero si se pode seguir a senda a través de documentos dos mosteiros, das igrexas dedicadas ao apóstolo Santiago, da toponimia alusiva á ruta xacobea, da tradición oral e das lendas.

Lendas. Nada máis iniciar o percorrido, en Doncos, hai lendas que teñen peregrinos como protagonistas. Unha das máis coñecidas conta que, nos tempos da invasión dos sarracenos, un grupo de cabaleiros se encargaba de protexer os viaxeiros que se dirixían a Compostela. Un día, un mouro secuestrou unha muller que viaxaba co seu home. Os cabaleiros foron na súa procura e ao verse acorralado degolouna para que ninguén máis puidese desfrutar da súa beleza.

Esta lenda e outros moitos contos que Patrimonio dos Ancares foi compilando falan de peregrinos, de sucesos nos que se viron implicados, de lugares onde recibían aloxamento, comida ou asistencia. Os topónimos actuais confirman a hipótese: pousadas, sobrados, ventas e hospitais sucédense ao longo da ruta.

Desta vía principal de Künig partían polo menos dúas derivacións. A primeira, xa desde Doncos, conectaba con Torés, tamén no concello das Nogais, a través do coñecido como camiño dos arrieiros. Desde alí, dirixíase ao mosteiro de Penamaior por Ferreirós de Valboa, O Freixo, Eixibrón, Becerreá e O Cereixal.

A asociación de veciños de Torés defende tamén a existencia doutra ruta xacobea pola súa parroquia, que iría desde Pedrafita ata Becerreá, onde conectaría co camiño de Künig.

bifurcación. A vía sinalada polo monxe alsaciano ten unha bifurcación en Baralla. A liña que el describe continúa cara a Lugo, para enlazar co Camiño Primitivo, pero está constatada a existencia doutra ruta da que o monxe non fala e que se dirixe cara a Sarria, onde conecta co Camiño Francés.

Desde Baralla, esta alternativa vai por Aranza, Pousada e Covas, tres lugares con igrexas dedicadas a Santiago peregrino, e continúa pola Pobra de San Xiao (Láncara) ata Sarria.

As investigacións sobre as rutas de peregrinación a través dos Ancares desvelan que os peregrinos tiñan distintas opcións para cada época do ano. O Camiño Francés era e segue sendo o preferido, pero había alternativas para todos os gustos.

Ata Vilafranca do Bierzo, os viaxeiros podían chegar a pé ou con axuda dalgún animal de carga ou tiro. A partir dese punto, camiñar era practicamente a única opción, sobre todo no inverno, cando a lama e a neve deixaban os carreiros intransitables.

Nese escenario, situados en Pedrafita, o camiñante avezado podía aventurarse cara ao mosteiro de Samos, pero resulta comprensible que moitos seguisen os consellos de Künig e puxesen rumbo a Becerreá, por un trazado moito máis suave e recomendable sobre todo nos meses de inverno.

Os máis vellos dos Ancares son as mellores testemuñas de algo que nin chegaron a coñecer. Aprenderon de pais e avós contos de peregrinos chegados de todas partes cun único destino, e nunca abandonaron a idea de que o Camiño Francés levaba a fama e outros a xente. Hoxe son os novos os que aproveitan as súas lembranzas para reivindicar o recoñecemento dun feito histórico que é parte da idiosincrasia dunha comarca e que un monxe alsaciano, sen sabelo, conservou mellor que ninguén. Nunca Künig pensou cando escribiu para os alemáns que ía ser tan ben recibido nos Ancares.

Os membros do colectivo Patrimonio dos Ancares, encabezados polo historiador Xabier Moure, comezaron as xestións para solicitar á Xunta de Galicia o recoñecemento oficial da Vía de Künig como Camiño de Santiago.

O primeiro paso foi definir o trazado. Valéronse para iso de calquera fonte que puidese dar pistas sobre a ruta. As igrexas dedicadas ao apóstolo Santiago eran un bo punto para comezar. Estudaron todos os papeis que caeron nas súas mans e intentaron interpretar símbolos e imaxinería dos templos. Escoitaron contos, lendas e puxéronse na pel de Herman Künig von Vach para descubrir a onde os levaban os seus pés.

Xabier Moure afirma que, paso a paso, foron marcando «o itinerario máis fiable en base ás investigacións». Ese trazado será o que presenten á Administración galega para solicitar o recoñecemento oficial da ruta. «Sabemos que todo o mundo quere que o Camiño de Santiago lle pase pola porta, pero a vía é a que é e nós limitámonos a recuperala. Queremos ser rigorosos», apunta Moure.

Os membros de Patrimonio dos Ancares contaron neste traballo de investigación coa colaboración de persoas que tiñan estudado o tema con anterioridade, pero que nunca deron o paso de reclamar a oficialización do camiño. Destaca entre as pesquisas unha tese feita nos anos 50 por «unha mestra de Becerreá coñecida como Lupita, que tivo acceso a tombos do mosteiro de Penamaior e xa mencionan esta ruta».

Non queren quedar a medio camiño, por iso teñen previsto crear unha plataforma para unir a todos os colectivos interesados na iniciativa. Os concellos de Becerreá, As Nogais e Baralla xa coñecen o proxecto e acollérono con agrado. Xabier Moure indicou que proximamente convocarán a colectivos e a empresarios da comarca para explicarlles o proxecto e ofrecerlles a posibilidade de integrarse na plataforma para impulsalo.

andainas. Algunha xente xa tivo ocasión de coñecer un esbozo da iniciativa a través dun díptico que Patrimonio dos Ancares elaborou para informar da investigación. En breve poderán tamén seguir as pegadas do monxe de Estrasburgo, porque o colectivo organizará camiñadas para dar a coñecer a Vía de Künig.

Estas actividades son o xerme dunha longa lista de trámites que o colectivo terá que realizar para conseguir o recoñecemento de ruta xacobea. Saben que será un procedemento arduo, que levará tempo, pero parten coa constancia do camiñante que vai avanzando con paso firme e decidido.

Comentarios