'Ruina motium'

Montefurado, Ruta do Ouro en Quiroga HAI POUCOS PAIS que non teñan a certeza inconfesada de que o seu fillo vai ser un xogador do medio milleiro que viaxa en Ave na Liga BBVA. Os proxenitores desafían toda lei de probabilidades. Os clubs amorean ducias de prometedores xenios para aproveitar só unha presada. Os menos acaban poñéndose ricos e os máis serán carne frustrada en Segunda. Os romanos aplicaban a mesma teoría co ouro: desmontaban grandes masas de terreo con auga, a ‘ruina motium’ para quedar cun pouco de metal dou-rado. O fútbol é unha ruta cruel que ten por destino a abundancia, pero non é a única. O meu cativo descubriu un xogo para combinar elementos químicos na tablet. O sábado descubrino na cama, concentrado. «Estou fabricando ouro para que sexamos ricos». Recoñecendo que, cando menos, o meu Antón respecta a paisaxe, faleille da Pedra Filosofal. Entrando no plano ético, informeino da desgraza de Midas. Rematei a admonición describíndolle os túneles e as canles que habilitaron os romanos para extraer ouro no cento de minas que abriron no sur da provincia. Calquera fin de semana desta primavera impuntual levareino a percorrermos a Ruta do Ouro, en Quiroga, e asomar pola ventá do río Sil. Non nos poñeremos ricos, pero gañaremos onzas de emoción e beleza. E todo sen facer un ‘ruina motium’ que destrúa a paisaxe vital de ninguén.

Comentarios