martes. 21.09.2021 |
El tiempo
martes. 21.09.2021
El tiempo

"DE CANDO EN VEZ HAI QUE BALEIRAR A MENTE DE SONS PARA QUE POIDAN ENTRAR OUTROS NOVOS"

Rubén Vizcaíno: "Os poemas de Díaz Castro son evocadores, levan a música nos versos"

Rubén Vizcaíno, na Casa das Palabras de Guitiriz
Rubén Vizcaíno, na Casa das Palabras de Guitiriz
A Casa das Palabras de Guitiriz acolleu o pasado venres un evento musical e literario co compositor Rubén Vizcaíno, autor da música de '‘O instante eterno'’ ou da adaptación da obra '‘Formiga'’ de Carlos Casares, que a Real Filharmonía de Galicia estreou esta semana en Ourense no Concerto das Letras Galegas

O venres pasado protagonizou o seu primeiro acto público na ‘casa’, en Guitiriz, da man de Xermolos, como foi a experiencia?

É un pracer poder pasar unha tarde falando de música entre amigos e veciños, síntome moi honrado pola oportunidade.

Falouse de ‘Formiga’, que musica o conto de Carlos Casares e que a Real Filharmonía de Galicia estreou no Concerto das Letras Galegas en Ourense, había nervios? 

Sempre hai uns certos nervios antes das estreas. Por moito que se traballe unha obra sobre a partitura, escoitala por vez primeira sempre é algo especial e nunca sabes ao cen por cen como resultará ou como será recibida polo público.

Como xorde este proxecto?

Xorde dunha iniciativa do Consello da Cultura Galega, que cada ano lle propón a un compositor poñer música á obra do escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas. Foi un privilexio que nesta ocasión me correspondese a min acometer este proxecto.

Tamén lle puxo música a obras doutros escritores galegos. O partir dun texto literario esixe unha maneira distinta de afrontar a composición?

Dende logo que si, completamente distinta, en particular se se compón para voz. Por unha parte, o contido da obra literaria axuda a definir a atmosfera da obra; por outra, o propio texto, prosodia, acentos, etc. condicionará tecnicamente o discurso musical.

O contido da obra literaria axuda a definir a atmósfera e o propio texto condiciona tecnicamente o discurso musical

E que prefire, a partitura en branco ou ter un punto de partida?

Antes de chegar á partitura, sempre adoita haber un traballo previo, aínda que non se parta dun texto literario; sempre haberá unha idea, un concepto, etc. Pero é moi certo que no caso de partir dun poema ou un relato o enfoque é totalmente distinto. Non sabería dicir cal prefiro: cada composición é un reto diferente.

O desastre nuclear de Fukushima levouno a crear varias composicións que se estrearon en Xapón. Que o inspirou para pensar en música a partir deste suceso? 

Eu sempre tiven un gran interese pola cultura xaponesa, pero foi no 2013 cando me xurdiu a posibilidade de participar nuns concertos en Fukushima e Tokio, e pareceume que sería moi interesante compoñer unha nova obra para estrear alí. O desastre nuclear aínda estaba moi recente, así que a temática da obra xurdiu de forma moi natural.

As súas composicións soan en escenarios de Estados Unidos, Xapón ou Italia. Que é necesario para ‘colocar’ unha obra?

Principalmente estas oportunidades xorden por dous camiños diferentes: ou ben por participar nalgún tipo de concurso de composición ou ben porque os propios intérpretes se poñen en contacto co compositor porque lles interesa a súa música.

En 2013 o seu ‘Nocturno número 1’ estivo nominado aos Hollywood Music in Media Awards, hai un antes e un despois disto?

Aquilo foi unha experiencia moi interesante para coñecer dende dentro o mundo da industria musical en Los Angeles e supuxo unha maior visibilidade para o meu traballo. Non obstante, no fondo a tarefa de compoñer está moi alonxada de todo iso e non cambiou en nada; require moita dedicación, traballo solitario e minuciosidade.

A obra inclúese na banda sonora de ‘O instante eterno’. Que recordos lle trae o traballo para esta proposta documental?

Teño moi bos recordos daquela experiencia. Foi un pracer traballar co director, Xosé Antón Cascudo, que me deu total liberdade para compoñer a banda sonora. Ademais, os poemas de Díaz Castro son tan evocadores que parecera que xa levan a música nos seus versos. Só había que atopala e poñela sobre o papel.

A música debe encaixar coa cadencia de movementos dos personaxes e reproducirse en bucle sen ser repetitiva

No seu currículo tamén figura que compuxo pezas para videoxogos.

Así é, tiven a sorte de participar hai algúns anos en dous proxectos de música para videoxogos, como o fantástico ‘Escape from the Pyramid’. O enfoque deste tipo de proxectos é totalmente distinto a outros traballos compositivos: a música debe encaixar coa cadencia de movementos dos personaxes, debe poder ser reproducida en bucle e, a pesar diso, non resultar repetitiva, etc. E todo iso sen menoscabo da creatividade.

Tamén é o autor dalgunha das pezas da coral Xermolos, que dirixe o seu pai. Afróntanse de distinta maneira estes traballos máis locais?

Non, cada peza é distinta, pero a dedicación sempre debe ser a mesma. Ademais, unha vez que se compoñen, as obras poden ‘viaxar’, ser adoptadas por outros intérpretes. Hoxe en día, nun mundo tan conectado, ningún traballo é ‘local’.

Colleu unha excedencia no seu traballo para poder estudar en Barcelona, era unha oportunidade que non se podía perder?

No campo da composición, como en outros, seguir aprendendo sempre paga a pena. Non entanto, os resultados de tipo práctico só se ven a longo prazo. O tempo dirá.

Que proxectos ten sobre a mesa?

Despois dos próximos concertos coa Real Filharmonía de Galicia, o máis inmediato será a publicación do disco ‘Diáspora’, do gran percusionista galego Roberto Oliveira, no que se inclúe unha peza miña: ‘Naturalis Historia’.

Rubén Vizcaíno: "Os poemas de Díaz Castro son evocadores, levan a...
Comentarios