Rubén Grilo: ''Mirar tiene un valor infinito, pero lo visible está sobrevalorado''

O software, o láser ou a performance son algúns dos medios cos que Rubén Grilo (Lugo, 1981) utiliza estratexias conceptuais e narrativas para cuestionar o estatuto dos obxectos e as imaxes na mostra ‘PowerPoint Karaoke’, que ata o 28 de agosto pode verse no Marco de Vigo.

'Powerpoint Karaoke' supón o último regreso profesional a Galicia de Rubén Grilo, actualmente en Amsterdam, onde vive e traballa. Grilo, que xa ten exposto en cidades como Berlín ou Nova York, centra a mostra que estes días se pode ver no museo Marco de Vigo en reverter a idea do museo como espazo oficial de distribución de coñecemento. Así, enfronta á audiencia a un crebacabezas aparentemente desartellado de imaxe, obxectos, citas ou documentos varios.

De Lugo a Amsterdam, como foi?

Non foi un camiño recto, os lugares foron cambiando ao mesmo tempo que as ideas, e é difícil explicar por que cambian as ideas. O demais son circunstancias. Primeiro estudei en Galicia, logo en Barcelona, e logo mudeime a Berlín. Hai medio ano tiven a sorte de ser admitido na Rijsakademie de Amsterdam, e por iso estou aquí ahora.

A intención de romper coa pasividade do espectador non é un concepto novo. Que é o que aporta neste sentido con esta exposición en Vigo?

Para min a novidade non ten ningún valor, é unha idea inventada na modernidade que os mercados intentan capitalizar con cousas tan absurdas como a propiedade intelectual. Por outro lado, non creo que a arte teña que aportar nada, creo que é moito máis útil se se dedica a interromper a forma na que cremos coñecer as cousas. Pero o xeito como isto se produce é unha sorpresa para min mesmo, non teño intención de adoutrinar a ninguén.

De verdade que o cliente de museos é tan pasivo como para montarlle unha mostra que o revire?

Claro que non. Penso que ás veces se subestima a intelixencia do público. Non reaccionar a unha exposición é unha reacción totalmente respetable. Do mesmo modo, tamén me parece respetable que un artista busque unha confrontación co público, é outra forma de comunicación.

Non é moi escéptico pensar que o feito de mirar xa non ten valor?

Mirar ten un valor infinito, pero o visible está sobrevalorado. Creo que é máis importante mirar o que non podemos ver, que ver o que podemos mirar. Aprender a mirar é, precisamente, aprender a ser escéptico.

En calquera caso, recorda algunha reacción en particular nas súas   exposicións que lle producise sorpresa?

Recordo unha serie de debuxos que consistían en variacións dun chiste, que se recibiu con indiferenza en Alemaña, pero que desencadeou a charla dun visitante sobre paradoxos matemáticos e física cuántica, cando se expuxo en Londres.

Cal é segundo a súa opinión o papel da imaxe neste novo século?

Absoluta. Paréceme sorprendente que na educación a imaxe sexa algo marxinal, cando ten unha función tan dominante na cognición e en como fabricamos a realidade. Imaxine este xornal sen imaxes.

Que lle ten achegado como artista a utilización de novas técnicas como o láser ó seu proceso creativo?

Interésame o que significa o láser como culminación dunha busca histórica por dominar a luz. A luz é a primeira condición para o visible, e o láser é máis luz que a luz. Existe unha lenda medieval que di que Arquímedes inventara unha arma que concentraba a luz do Sol nun raio capaz de queimar os barcos inimigos na costa de Siracusa. Hoxe o exército norteamericano fai algo parecido con láser. A tecnoloxía non é algo abstracto.

Como se definiría: artista ou investigador?

A miña profesión é a de artista.

Di terse inspirado en autores como Carl Jung. Que papel xoga a psicoloxía na súa obra?

Acudín a Jung nunha peza en particular, pero non teño ningunha fixación pola psicoloxía. Gústame pensar que as ideas son un capital informe a disposición de todo o mundo, utilícense debida ou indebidamente. Neste caso quería facer unha instalación fundamentada na posibilidade da súa recepción, con catro ordenadores con ‘PowerPoints’ que falaran desa recepción dende diferentes puntos de vista. Hai algo alquímico na experiencia que quería incluír na peza e que Jung expresaba moi ben coas catro funcións do ego.

Que é ser un artista conceptual? É unha etiqueta denostada?

Penso que hai dous tipos de artista, os que cren que hai dous tipos de artista e os que non. Eu son dos segundos; creo que todos os artistas son conceptuais. Se afonda en Velázquez, por exemplo, verá que era un artista realmente conceptual. Outra cousa é o conceptualismo, que é ao que a xente se refire con esa etiqueta, e que fai referencia a un movemento artístico concreto no que a dimensión conceptual da arte se pon de manifesto abertamente. A iso eu chamaríao honestidade. Non obstante, hai xente que prefire ser enganada.

Ata que punto a promoción dun artista depende do márketing?

Paréceme unha posición equivocada. Por suposto, expoñer en determinados sitios fai que o teu traballo sexa máis visible, e polo tanto é máis doado que chegue a xente que lle interesa. Paréceme moito máis importante perder o tempo e os cartos na discusión e a produción, que na promoción. En fin, as hamburguesas do McDonalds seguen sendo malas aínda que se vendan moitas, non? 

Comentarios