Rosalía, o décimo

DOS MANDAMENTOS DA IGREXA o quinto figuraba así no catecismo da miña infancia: «Pagar diezmos y primicias a nuesta Santa Madre Iglesia». Neste precepto se deberon inspirar os responsábeis de cultura da Xunta para fixar as subvencións á Fundación Rosalía de Castro de Padrón. Na práctica, enunciárono deste xeito: «Pagar á nosa nai Rosalía o décimo, e aínda algo menos, do que se lle dea á Fundación Camilo José Cela». Concretando: Camilo José Cela, 355.000 euros; Rosalía, 35.000 euros. Escandaloso, inxusto, paifoco e moitos adxectivos máis que non anotarei porque non conto con espazo para glosalos.

Escandaloso porque, como é coñecido, as contas da Fundación Camilo José Cela andaron bastante mesturadas, por dicilo cun eufemismo. Non podo nin quero explicar aquí os capítulos dunha novela por entregas anunciada no seu día no Parlamento de Galicia pola daquela deputada García Negro. Só dicir que o tempo lle deu a razón que naquel momento lle furtaron e que, que eu saiba, ninguén lle pediu desculpas polos exabruptos que tivo que escoitar desde todos os ámbitos. Xa se sabe que as hemerotecas descansan en paz porque moi poucos acoden a elas.

Inxusto porque a Casa da Matanza fai un labor moi meritorio no espallamento da figura e da obra da nosa autora máis universal. Aquela casa aspira a ser e é, dalgún xeito, a casa de todos os galegos e galegas. Máis de 50.000 persoas pasan cada ano por alí, nomeadamente escolares que, se teñen menos de seis anos, non pagan, e se os superan non achegan máis que un euro. O imprescindíbel para axudar a manter unha infraestrutura mínima para que aquilo siga en pé. Non contabilizamos, porén, o esforzo e desasosego dos que, gratuitamente, traballan para xestionar o proxecto con moi escasos recursos. A memoria de Rosalía é totalmente dependente porque a súa obra, ao teren pasado tantos anos, aínda que se venda, xa non xera dereitos de autor. Non é o caso de Camilo José Cela, cuxos dereitos aínda estarán vixentes moito tempo.

Paifoco porque transparenta unha mentalidade pailana, a dos que pensan que Rosalía, por ser escritora en galego (esquecen que tamén o foi en castelán) é alguén «de andar pola casa», sen máis transcendencia que a que aquí lle queiramos dar. Pola contra, o Nobel é un produto exportábel. Erran porque, sen lle restar importancia literaria a Camilo José Cela, premios Nobel houbo e haberá moitos máis , pero Rosalía só hai unha. Unha cuxa obra temos que ler á luz do momento histórico en que viviu, da condición das mulleres naquel tempo, e da escasa, por non dicir nula, presenza de Galiza no mundo. E contrastala co que se escribía en Occidente á sazón. Só así poderemos entender o agravio comparativo que supón convertela mais unha vez na irmá pobre, a do décimo. Isto é así, ben seguro, porque Rosalía é a personificación da nosa lingua e decretaron para ambas a mesma sorte.

Comentarios