Rosa diosa do alén

“Pasan anxos de neve e figuras de luz por enriba dos soños e nós estamos cegos...” (Luz Pozo Garza)

Apagouse a Luz, Doña Luz, e os anxos quedaron orfos de mai, amigo García. E nós nas tebras deste tempos de medianías, perdidos nestas leiras ermas na procura do son das súas palabras. Nos cristais do sanatorio de Pimental, en Lugo, dos que fala Rodríguez Fer, choven bágoas de amor de moita xente. Marrocos enguedellou á nena de ollos ledos para seren entón anduriña de Bécquer.

Xa hai niño enfrente do Teatro. Xa o Landro sorrí e só unha gaivota sabe o porqué. E nas rúas hule a flor de limoeiro. Son milagres de Deus para labrar a esperanza. E o pobo canta: “Gloría a ti, víctima pura, vencedora de la muerte, donde Jesús se convierte en pan de la humanidad”. As súas razóns haberá. A súa cruz xa non está núa, e trócase en piedade de irmán asesinado. Hai outras cruces que viven no silencio. Son noites de invernía de música e estudo e amores furtivos. O mundo sempre estivo tolo e quixo vivir do revés. Eran tempos de bestas e machotes. De paus e feridas. Chovía moito e chovían tantas bágoas que cumpría unha samaritana para poñer ás as verbas e, remando polo ar, cal Prometeo, mergullarse en soños de mil cores. E no seu berce de Ribadeo o bonachón e falangueiro Dionisio rimaría versos para esta muller que sabía patinar entre nenos e flores. E as humildes lavandeiras gozarían do seu sorriso ledo e corazón tenro.

Mais o corpo camiñou por outros vieros nunca alleos á dor e aos cravos da mestra Rosalía. E ambas as dúas, coma nai e filla, camiñaron entre as rochas e silveiras, enchendo as súas ánforas para preñar os seus versos de flores. Agora, ceibes e soltas das cadeas das miserias humanas, que tanta dor producimos os seres humanos, aló no Parnaso, no xardín das verbas, agora que a luz ve máis que os ollos, agora que ninguén require o voso esforzo, agora que camiñades polo alén sen rumbo, agora que navegades, por fin, felices…Grazas vos hei de dar por poñer cor á verba, dor na falsidade, agarimo na casa do pobre, ilusión no vencido, bicos no ar, cereixas nas árbores, sereas no mar, música no amor… E, grazas sempre polo voso exemplo. Bicos eternos e de buxo, que diría o Mero.