Rosa Cedrón: ''El reconocimiento de mi tierra es un orgullo muy grande''

O NOME DE ROSA CEDRÓN fala por si mesmo, non precisa de presentacións nin frases introdutorias. Primeiro con Luar na Lubre e agora en solitario o desta artista é un dos nomes obrigados no mundo da música e, por se alguén o esquecera, é de Monforte. Foi unha nena pegada a un violonchelo e anque ó longo da súa traxectoria evolucionou cara outros estilos e outras formas de facer música, Rosa Cedrón (Monforte 1972) estaba a tocar ese instrumento cando contestou a esta entrevista. Esta artista voltou fai uns días á cidade do Cabe para amadriñar un concurso gastronómico. A cociña, anque diferente á música, tamén é unha arte para os que a fan e para os que a desfrutan.

PREGUNTA: No acto de presentación do certame gastronómico Cume Tapas de Monforte, Rosa Cedrón falou con moita tenrura do Pepe e da Rosita.
RESPOSTA: E non é para menos. Son os meus avós, o meus avós de Monforte, o meu vínculo máis forte á cidade do Cabe e a moitas vivencias da miña infancia.

P: Regresa a Monforte con frecuencia para recuperar as raíces?
R: Marchei moi pequena de Monforte, pero sempre voltaba nas vacacións, nas fins de semana e en canto había un día libre. Agora tamén tento manter ese contacto en vir en cando teño un oco.

P: Que recordos lle trae a cidade do Cabe?
R: A maioría deles están vinculados á familia pero tamén teño moitos do que é o pobo en sí, das festas de Nadal, das patronais dos amigos... Sempre vivimos na Rúa Hortas, o carón do Cabe. Tamén gardo unha imaxe especial do río e está moi vinculado á miña infancia.

P: Rosa Cedrón é dunha familia de músicos, pero esa vinculación á este arte é da parte monfortina ou da lucense?
R: Das dúas partes. Pero, por exemplo, o meu avó de Monforte sempre tocou o violín e a bandurria e está na rondalla Benfeita. A maiores, a miña nai tamén estivo sempre vinculada ó mundo da música.

P: É a madriña do segundo concurso de tapas que prepara o colectivo de hostaleiros, o Cume Tapas. Que se sente? 
R: Pois a verdade é que foi algo que me fixo moita ilusión. Supoño que por aquilo de que cada vez que vimos aquí non fallamos nas rondas de viños e tapas. É unha tradición que me gusta moito e que poño en práctica cada vez que podo así que ser a madriña do concurso é unha satisfacción. Os recoñecementos que lle fai a unha a súa terra sempre son os mellores, igual ca cando me nomearon Lucense do Ano, foi un orgullo moi grande.

P: O seguinte é o pregón das festas.
R: Iso sería marabilloso, pero creo que aínda non é o meu momento. Pouco a pouco. Para dar un pregón hai que 'ser máis personalidade', e ata agora non son unha personalidade.

P: Como se lle dá a cociña? Xa estreou o mandil que lle deron polo Cume Tapas?
R: Claro que o estrenei e non teño ningún conflicto coa cociña, todo o contrario, gústame cociñar.

P: Comezou na música con oito anos, moi nena.
R: Iso foi pola miña influencia familiar. En canto tiven idade os meus pais apuntáronme ó conservatorio, algo que sempre lles teño que agradecer.

P: Na actualidade Rosa Cedrón aínda soa a Luar na Lubre.
R: Foron nove anos e é difícil que a xente cambie o chip. Foron nove años marabillosos que me deron a oportunidade de experimentar con moitas cousas, probar con outros estilos que non fora o clásico da miña formación e atoparme co público.

P: Foi con Luar na Lubre cando tivo a oportunidade de cantar, e de descubrir unha nova paixón, de feito chegou a afirmar que cantaría ata quedar sen voz. ¿Chelista ou solista?
R: A miña gran paixón sempre foi o chelo. Foi o instrumento co que me formei e que sempre me acompañou na miña vida. Tocar o chelo é outra forma de cantar, é coma traballar con dous intrumentos distintos pero que á vez se semellan moito. De feito o chelo é o instrumento que máis afinidade ten coa voz, os dous teñen moita expresividade.

P: No 2005, Rosa Cedrón deu o paso de iniciar a súa carreira en solitario.
R: Chegou o momento no que sentín a necesidade de facer outra cousa, de comezar un novo camiño, aínda que foi duro no senso de que foi complicado que o público comezase a verme de xeito individual.

P: No 2007 sacou 'Entre dous mares' o seu primeiro traballo individual.  En que anda agora?
R: Por un lado, sigo cos concertos dese disco pero nos que tamén incluimos pezas novas porque os directos esixen máis caña, máis forza e ese disco e algo moi poético e espiritual. Tamén estou traballando con Cristina Pato no proxecto musical 'Soas' e preparando o meu segundo traballo individual.

P: ¿Xa ten nome para ese segundo traballo?
R: A verdade é que si, pero non quero dalo porque estas cousas dan moitas voltas. Un pode cambiar de opinión e o título é case o último no que un debe reparar porque o nome que un pode pensar ó primeiro despois igual se torna noutro.

P: Vén dunha familia de músicos e tanto en Luar na Lubre como agora en solitario a presenza do seu irmán, Javier Cedrón, semella imprescindible.
R: Medramos xuntos, fomos ós conservatorio xuntos e tocamos xuntos. Dende sempre traballamos xuntos e non podería ser doutro xeito.

P: Que outros proxectos ten para o futuro?
R: A verdade é que non son moito de facer moitos plans porque nisto as cousas van xurdindo e iso é precísamente o que me gusta, sempre saen colaboracións, ideas novas...

P: Nalgún momento da súa vida adicouse á docencia e exerceu no conservatorio. Voltaría ás aulas?
R: E algo que sempre estivo aí e que sempre parece un lugar adecuado ó que volver. Non o descarto, agora estou noutra fase da miña vida pero non é unha idea que me disguste. Sempre tiven en mente voltar ás aulas.

P: Hai moito que non actúa en Monforte.
R: Moitísimo, a última vez viñen con Luar na Lubre e xa pasaron anos.

P: Gustaríalle volver a actuar na cidade do Cabe?
R: ¡Iso non se pregunta! ¡Claro que me gustaría! Estaría encantada de volver actuar na cidade do Cabe, que eu son moi monfortina.


P: Vostede que vai e vén por Monforte; cambiou moito a cidade do Cabe?
R: Moitísimo, pero para ben. Hai ambiente, sempre o tivo, pero aquí hai un algo especial.

P: Voltaría a vivir aquí?
R: Non o sei, porque non sei por onde me levará a vida, non son de facer plans.

P: Como remata unha reunión familiar nunha familia de músicos? Moita repichoca?
R: Non tódolos domingos, pero é certo que non é raro que nas reunións familiares alguén empece a tocar un instrumento, a cantar... a música é a nosa paixón, vai no sangue.

P: Se tivese un fillo e quixese ser músico?
R: Quero ter fillos e estaría encantada de que fosen músicos. Implica moito esforzo, formarse nun conservatorio quita moitas horas de xogos e reduce o tempo de estar cos amigos. Pero tamén che permite entrar nun ambiente de cultura único.

P: Quitoulle moito de durmir a decisión de deixar Luar na Lubre.
R: Sempre medito moito as miñas decisións e igual me quitou de durmir algunha noite, pero foi algo moi pensado no tempo, unha necesidade que sentín e non unha arroutada.

Comentarios