Rondó semántico

EN MURCIA, un xuiz ditaminou que chamar «zorra» a unha muller non é ofensivo se connota astucia. Sen entrar no fondo da cuestión, ou sexa, centrándonos exclusivamente na cuestión semántica, estoutro día, ao facer limpeza, atopamos un vello retallo cunha entrevista, feita á señora viuva do Premio Nóbel señor Cela, dona Marina Castaño que exhumamos aquí pola súa utilidade prática. Pois ben. no epicentro do conxunto de graves pensamentos e trascendentes opinións contidas nas súas agudas e fondas palabras, anotaba unha rexa victoria: acadou que a prensa do corazón a deixara tranquila e, descubria o seu segredo para acadalo: «A fuerza de poner cara de perro». Pasou o tempo, ou mellor dito «pasó un dia y otro dia / un mes y otro mes pasó», por citar -en honor da ocasión-os versos do poema de José Zorrilla, e nen vimos nen ouvimos o mais lene comentario da abondosa e notable confraria das defensoras e defensores da multiplicación dos xéneros, ou da sua reiteración, ou duplicación en calquer circunstancia e lugar e, mesmo, a conta da Gramática, tal e como no pasado, puxo de manifesto alguén ao citar aos membros e membras de calquer cousa, importante naturalmente. Porque resulta que a pesar desas habelenciosas persoas capaces de ver medrar a herba, ou de atusmar as máis recónditas intencións no tocante a discriminación sexista e machista, e a ditar pauliñas contra os profanadores do xénero elevado ao cuadrado, ninguén advertiu á señora viuva de Cela de que o máis propio e pertinente é que o animal, metaforicamente aludido na frase, non fose can, senón cadela, isto é «perra» e non « perro», non somente pola concordancia do xénero coa especie, senón porque de outro xeito estariamos perante un uso igualmente sexista do idioma; do español claro, pero para o caso tanto ten, porque nos estamos a referir a asuntos certamente importantes e a casuísticas relevantes.

Xa, xa; ben sabemos que o xénero gramatical ten e non ten que ver necesariamente co sexo, que o masculino é o xeral, ou non discriminado: os alumnos son todos -homes e mulleres-, mentres que as alumnas son só as mulleres, que o masculino ás veces conota valores positivos e o feminino negativos e tal sería o caso, en español, de ‘perro’ e ‘perra’. Pero quizais un dos xeitos de combater o sexismo sería non cair nel, ou sexa non acollerse ao imposible recurso de amigos e amigas, cans e cadelas, obreiros e obreiras, compañeiros e compañeiras etc. ou ao uso do signo arroba (@) no final das palabras.

Coñecemos a un ex responsable dun partido que para evitar o longo «prezados compañeiros, prezadas compañeiras» patentou o uso case xeral do feminino ‘prezadas compañeiras’. Velaí un precursor do que compre tomar exemplo. E, seguindo tan descansada senda, a señora viuva de Cela debeu dar un paso á fronte e reivindicar o feminino. E ainda tiña outra posibilidade: utilizar o galego, onde verbas como ‘perra’ ou ‘zorra’ pasan a cadela ou raposa e rebaixan unha miga a carga tópica.

Comentarios