Lunes. 12.11.2018 |
El tiempo
Lunes. 12.11.2018
El tiempo

Román Rodríguez: "O Pergamiño Vindel está en pé de igualdade coa biblia de Gutenberg"

Mato, Bailey y Rodríguez, con el Pergamino Vindel
Mato, Bailey y Rodríguez, con el Pergamino Vindel
O Museo Morgan de Nova York entrega o manuscrito que recolle as cantigas de Martín Códax para unha exposición en Vigo

A Biblioteca e Museo Morgan de Nova York entregou este venres o Pergamiño Vindel, o manuscrito do século XIII que recolle as cantigas de amigo do trobador galego Martín Códax, á Xunta de Galicia e á Universidade de Vigo, que organizarán unha mostra no Museo do Mar entre este outubro e marzo de 2018.

O acto contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o reitor vigués, Salustiano Mato, ademais do director da Morgan, Colin B. Bailey, e outras autoridades e representantes do consulado español e portugués.

Tras dous anos de negociación entre a institución académica viguesa e a Biblioteca e Museo Morgan, finalmente Galicia acollerá temporalmente una das dúas cantigas manuscritas do século XIII que sobreviviron coa súa música.

O texto, creado no século XIII, estivo desaparecido ata que foi atopado en 1914 por un libreiro, Pedro Vindel –que deu nome ao pergamiño–, cando desmontaba unha encadernación da obra De Officiis, de Cicerón.

Vindel publicou varias reproducións ata que vendeu o exemplar, anos despois. O documento pasou por distintas mans ata que o adquiriu o libreiro Albi Rosenthal, que o gardou na súa colección privada. No entanto, en 1970 tratou de vendelo ao Morgan, aínda que non foi adquirido ata 1977.  "A Morgan está a facer realidade un soño", destacou Salustiano Mato durante o acto de recepción do manuscrito, incidindo nos valores literarios e sentimentais que rodea esta obra coas seis cantigas de amigo de Martín Códax. "Esta obra, cargada de sensualidade e referencias a rituais pagáns, é unha das pedras angulares da lingua propia de Galicia", insistiu Mato, quen trasladou a súa "emoción contida" pero "desbordante" ante este acto de "xenerosidade" da Biblioteca.

"PEZA FUNDAMENTAL". Román Rodríguez, pola súa banda, destacou que o Pergamiño Vindel está "en pé de igualdade" na Morgan con outras "das grandes construcións da cultura" humana, como as partituras orixinais de Mozart ou a primeira biblia de Gutenberg.

Segundo destacou a Europa Press, o documento "está considerado unha das grandes xoias culturais" da historia. Para Galicia, especialmente, "é unha honra e un privilexio" que "una das pezas fundamentais da lingua e a cultura" regrese á comunidade autónoma.

O titular de Cultura insistiu en que este texto representa unha lingua "que xa era musicada e culta hai 800 anos", e unha mostra de que os galegos deben sentirse "orgullosos" do seu idioma e do seu legado histórico.

A exposición permanecerá entre outubro deste ano e marzo de 2018 no Museo do Mar de Galicia, e completarase cun programa de actos que abarcarán desde simposios ata talleres e actividades escolares, musicais e gastronómicas, entre moitas outras.

O obxectivo, engade Rodríguez, é "pór en valor a transcendencia histórica" desta efeméride, dando a coñecer o texto por toda Galicia. Así mesmo, destacou que rei emérito, Don Juan Carlos I, acudirá á inauguración da mostra.

Román Rodríguez: "O Pergamiño Vindel está en pé de igualdade coa...
Comentarios