Rojo presenta un informe que pon de manifesto a calidade do traballo do lexislativo

A presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, presentou esta mañá na reunión plenaria anual da Conferencia de Asembleas Lexislativas Rexionais Europeas (CALRE) as conclusións do informe elaborado polo Grupo de Traballo sobre “Modelos Rexionais Institucionais-Democracia Rexional”, liderado pola Cámara galega, e no que se pon de manifesto a calidade do traballo que se desenvolve no lexislativo autonómico.

Logo de efectuar esa análise comparada, no caso de Galicia destaca a apertura de información gobernamental sobre anteproxectos lexislativos nas páxinas web do Goberno galego; o potenciamento  da web do  Parlamento de Galicia para que os cidadáns podan efectuar achegas aos textos lexislativos que se atopan en fase de tramitación parlamentaria; a organización de xornadas coa participación de xuristas e lingüístas que exercen na Xunta e no Parlamento co obxectivo de mellorar a calidade e comprensibilidade dos textos lexislativos; as iniciativas encamiñadas a mellorar a formación e información de deputados e xornalistas en aspectos como a técnica lexislativa; o reforzamento de medidas como o programa de visitas guiadas; ou a transmisión, en directo, a través da web da institución das sesións de pleno e comisión.

Defensa do parlamentarismo
O informe presentado por Pilar Rojo no transcurso da Asemblea Anual da CALRE, organizada este ano polo Parlamento de Bruxelas capital, recibiu a aprobación do restantes integrantes do grupo de traballo coordinado por Galicia.

Durante a súa exposición, Pilar Rojo efectuou unha firme defensa dos parlamentos rexionais que, na súa opinión, “colaboran de forma poderosa no equilibrio de conxunto, o que os converte en cualificados instrumentos do principio democrático ao servizo da participación e do pluralismo”.

Nesta liña, Rojo entende que “a descentralización territorial ten amosado máis fortalezas que debilidades para achegar os servizos públicos aos cidadáns e  para satisfacer  as distintas aspiracións territoriais”.

Mellor calidade que cantidade
Con todo, e como retos de futuro, a titular da Cámara galega entende preciso avanzar no uso das tecnoloxías da información e da comunicación. E referíndose ao labor de control que se exerce nos parlamentos opina que “é preferible mellorar a calidade do control fronte á cantidade”.

Comentarios