Rocho



O MEU PAI tiña un garaxe bastante amplo cheo de cousas relativamente vellas e bastante inútiles. «O que garda sempre ten», adoitaba contestarme ao reproche de que atesouraba tantos obxectos que perderan uso e valor. Aparcaba o coche fóra porque non lle cabía. «Home precavido vale por dous», apuntaba para reforzar o convencemento de que nun futuro lonxano erguería a porta do garaxe e atoparía aquela neveira ou aquela lámpada á que se lle podía dar un uso novo e eficaz. Mirando o Museo Provincial de Lugo teño que darlle a razón á súa teoría de que todo obxecto ten diversas posibilidades de aproveitamento, mesmo algunhas que non somos quen de precisar ata que transcorren ducias de anos. O noso museo naceu respondendo a ese concepto, tan caracteristicamente lucense, de rocho, de almacén para cousas que disque poderían ter unha utilidade algún día. Foron amoreando cousas nel. Ao primeiro, nos anos 60, podíase entrar nel e saír con algún obxecto alleo coa lixeireza de ánimo coa que nos asomamos a un contedor. Avanzados os anos, un equipo de expertos e coidadores organizaron e catalogaron os obxectos do noso pasado cunha precisión que encantaría ao meu pai. Seguro que lles abría a porta do garaxe ata arriba para que lle datasen e clasificasen as trangalladas. «Non tiven tempo para organizar», desculparíase.

Comentarios