viernes. 14.08.2020 |
El tiempo
viernes. 14.08.2020
El tiempo

Roberto García: ''O noso éxito é froito de dicirlle á xente o que pensamos''

Roberto García
Roberto García

Roberto García recibe estes días felicitacións e eloxios pola súa labor como secretario xeral do sindicato Unións Agrarias (UU.AA.). Unha organización que cumple 25 anos de andadura, dende que no 1983 se celebrara a súa asemblea constituínte en Lalín. García recoñece que o sindicato medrou grazas ó esforzo de miles de afiliados ata converterse na primeira forza agraria de Galicia. Tralas eleccións a cámaras agrarias do 2002, UU.AA. fíxose coa presidencia en Pontevedra e A Coruña e a vicepresidencia en Lugo.

Leva ligado a UU.AA. practicamente dende a súa fundación.
Primeiro comecei traballando dúas horas na oficina do sindicato, porque mo propuxera o antigo secretario xeral, Manuel Salgado, que era meu veciño. Pero aquelo foi medrando e xa me tiven que dedicar plenamente. Ata que no 1988 fun elixido para este cargo.

Que foi o que o levou a involucrarse deste xeito?
Vía os problemas que tiñan na miña familia, meus pais tiñan unha explotación de carne e meus irmáns de leite. Viña do rural e cría que era necesario botar unha man para solucionar esas dificultades. Tamén axudou a complicidade ideolóxica.

E vostede foi medrando ó mesmo tempo que UU.AA.
Si, e engordando tamén. Comezamos sendo 63 socios, e agora somos arredor de 12.300 os que estamos ó corrente de pago. Hai que sumar a 8.000 xubilados, máis de 6.000 mulleres rurais integradas en Fademur e os colectivos Vento Noso e Asefoga.

Foi a organización co maior respaldo nas eleccións a Cámaras Agrarias. A que atribúe estes resultados?
O noso éxito é froito do traballo e da coherencia. De dicirlle á xente o que pensamos, aínda que non sexa o que queiran escoitar. Desta forma conseguimos medrar en afiliación e en capacidade de mobilización e influencia.

A diversificación das súas actividades tamén contribúe a ese éxito?
Defendemos os dereitos de tódalas persoas que viven no rural, sexan gandeiros ou non. Non só nos preocupa o prezo do leite. Os que vivimos no campo temos dereito a ser cidadáns de primeira, a ter garantido o acceso á sanidade, á cultura ou a servizos coma as garderías. Queremos que os nosos fillos escollan libremente se se queren dedicar á gandeiría ou a agricultura, e se non, que non teñan que emigrar á cidade.

Pero cada vez hai menos xente no rural...
Si, hai que resolver o problema da calidade de vida. E tamén garantir a viabilidade das explotacións. Sería preocupante que o número de titulares baixara de 60.000. Aínda que hai moita xente próxima á xubilación.

Con estas perspectivas, pensou algunha vez en tirar a toalla?
Máis dunha vez, pero teño que dicir que o único que me deu o sindicato foron satisfaccións. E do que me sinto máis orgulloso como dirixente é de que os socios de Unións presuman de selo. Como din eles, 'eu son de Unións'.

Pensou nunha data para retirarse?
Agora non toca plantexarse iso. O certo é que levo media vida adicada ó sindicato e algún día terei que pensar en deixar a secretaría xeral. Pero non quero especular sobre o tema. O que si teño claro é que cando deixe este cargo seguirei sendo sindicalista agrario. Nunca aceptarei ofertas de empresas privadas nin da política activa.

Roberto García: ''O noso éxito é froito de dicirlle á xente o que...
Comentarios