Ritorna vincitor!

TOCA OCUPARSE da espectacular entrevista que o expresidente do Goberno señor Aznar ofreceu nunha televisión, e que dou lugar a un verdadeiro rebumbio, mesmo nas fileiras do seu propio partido. Foi a oportunidade para que, despois de meses de runfadela trunfalista, varios persoeiros acreditasen unha dose de sentido común e, lonxe da habitual retórica, se adscribiran ao optimismo de que calquera tempo pasado foi... peor, a pesar das ‘Coplas’ manriqueñas. Para outros moitos, que viron e escoitaron ao ‘ex’, resultan altamente desaxeitados os versos de Jorge Manrique, na derradeira copla: «dexónos harto consuelo/su memoria».

Mais a cita do poeta castellano, que fala das vidas terreal, da fama e da eterna, sérvenos para falar dos riscos característicos do que foi presidente. Ese ton fachendoso e superior, esas ínfulas de home sabio e providencial, figuran na propia biografia, se atendemos ao que escrebeu nalgunha das suas memorias. Hai un parágrafo reiteradamente citado estes dias, aquel no que lembra o atentado que sufriu, do que se librou miragreiramente, e que lle serviu para decatarse de que «non era un ser humano corrente», algo por certo que lle pasou a máis vítimas de atentados, sen que sexa oportuno agora entrar en máis pormenores. Esa noite soñou con Deus, que lle transmitiu que se o salvara, era porque «te necesito vivo, para que lideres a la humanidad». Seica lle dixo máis cousas, pero de carácter persoal, e un detalle importante, chamoulle José Mari, nun ton confianzudo, que seguramente ninguén tivo con el, agás o expresidente señor Bush, que lle deixaba por os pés enriba da mesa. Como se vé, ainda hai categorias no tocante ás comunicacións celestiais, pois o presidente señor Maduro só recibiu consellos do outro mundo, do seu antecesor señor Chávez, pero por intermediación dun paxaro. No caso do señor Aznar non fixo falla nen sequer acudir a unha gaivota, pese á querencia simbólica. O único precedente que nós lembramos, foi o do tamén sonadisimo bispo de Ourense, o burgalés monseñor Temiño, a quen uns rapaces de Ribadavia lle pediron que devolvera á sua parroquia a un cura, moi popular e estimado. A resposta de Sua Ilustrísma foi categórica: era imposible pola sinxela razón de que consultara o caso con Deus. Ben é certo que era un bispo. Con todo tratábase dun asunto menor, perante a tarefa hercúlea de liderar a humanidade. Afortunadamente, e como desde aquela visión el mesmo afirma que se volveu máis humilde, restrinxiu o obxectivo e limitouse a España, cos resultados que son sobradamente coñecidos: privatizacións, burbulla inmobiliaria e unha guerra que tivo como principal consecuencia os estarrecentes atentados do 11 de marzo do 2004, en Madrid.

Sen dúbida que poderiamos exhumar aquí os románticos versos do sevillano Bécquer, sobre o retorno das anduriñas e a imposibilidade do amor perdido, pero nós temos unha querencia pola nosa Rosalía, igualmente alonxada do invicto lider vallisoletano, de tal xeito que en vez de evocar utopias, ofrece o bálsamo da resignación e do consolo: «Chian as gaivotas/¡alá lonxe...! ¡moi lonxe!/na prácida ribeira solitaria/que convida ao descanso e aos amores». Xusto o contrario do ‘Ritorna vincitor!’.

Comentarios