Rimsky-Korsakov non estaba no programa

SÁBADO, DÍA 12, a Praza Maior de Lugo fervía de xente, moita atraída pola actuación da Banda Municipal. Remataban as festas máis populares de Galiza e a formación musical do Concello íalles poñer o ramo cunha homenaxe ao que fora o seu director, o mestre Indalecio Fernández Groba, que a deixara para dirixir a súa homónima da Coruña desde 1991 até a súa recente xubilación. O actual, Rosendo Ivorra, levaría a batuta na primeira parte e o músico de Ponteareas na segunda. No repertorio, a xota ‘La Dolores’, pasodobres galegos e outros temas, algúns do propio Groba. Dou fe, porque tiven o programa na man, de que ‘O voo do moscón’ non figuraba.

‘O voo do moscón’, como recordarán, é un interludio musical dunha ópera de Rimsky-Korsakov, a titulada ‘O conto do tsar Saltán’. Un ritmo trepidante de semicorcheas reproduce con grande exactitude o zunido dese insecto que tanto encordio produce.

Non podo dicir que voou o moscón fóra de programa porque non sería exacto. Fíxoo sobre o programa, brután e avasalador, afogando os harmónicos sons da nosa banda. Xirou obstinadamente sobre a alameda e o templete onde os músicos, sen abandonar nin por un momento a súa compostura, como os do Titánic, seguiron tocando.

Os que estaban presentes saben que me refiro ao helicóptero que arruinou boa parte do concerto. Os que non, xa o adiviñarían.

Unha irrupción así só se explicaría por unha causa maior, poñamos por caso extinción dun incendio, seguridade cidadá ou evacuación dun accidentado. Pero non. Polo que souben, tratábase dun particular que celebraba de xeito tan clamoroso o remate das festas, se cadra a emular ao famoso axente da Súa Graciosa Maxestade, xa saben, James Bond.

Non sei como funcionan estas cousas e por iso descoñezo se un señor ou señora pode, sen permiso previo, coller o seu helicóptero ou a súa avioneta e sucar os ceos de calquera cidade. Se é así, a culpa é todiña do piloto. Quero, en todo caso, non presumirlle intención de amolar. Se, pola contra, calquera voo require un permiso previo, itinerario incluído, a culpa é de quen non tivo en conta os eventos que se estaban a celebrar.

Por outra parte, supoño que os helicópteros, como as motos e os automóbiles, estarán suxeitos a unha limitación de decibelios. Sen ánimo de ofender ao que nos abourou, todo me parece que tanto ruído non se correspondía cun aparello tan pequeno. Non vou falar de motores trucados porque seica o que se oe é o xiro das hélices, mais a min recordoume a eses rapaces que, por chamar a atención, lle tiran o tubo de escape ás motos para que zumben máis. A adolescencia é así.

Comentarios