Ribadeo recibe a 20.000 visitantes en tan só 15 días do mes de agosto

"A vila e as Catedrais están a tope", admite a edil de turismo, que contratou máis persoal
Turistas este mes, na praia de As Catedrais
photo_camera Turistas este mes, na praia de As Catedrais

A localidade ribadense está a experimentar un dos veráns con maior afluencia turística da última década, como constata o feito de que en apenas quince días do presente mes arredor de 20.000 persoas solicitaron información tanto nas oficinas municipais ubicadas na vila, coma na instalada no monumento natural de As Catedrais. A praia completa o cupo de visitas diario, fixado pola Xunta en 4.812 persoas de cada vez para evitar saturacións e afeccións, ao medio natural. A web para reservar o pase á praia de xeito gratuito –http:://www.ascatedrais.xunta.es– reflicte que ata o domingo –este incluído–, o areal ten colgado o cartaz de completo e así acontece dende principios de mes. 

"Ben se pode percibir que Ribadeo está a tope de xente", recoñecía a concelleira dos eidos de turismo, comercio e desenvolvemento local, Ana Martínez, quen se viu obrigada a contratar a unha persoa máis para atender a tantos visitantes: "Para cubrir a demanda, ademais das cinco persoas que tiñamos como informadoras turísticas no mes de xullo, tivemos que engadir a unha en agosto e tamén este ano contamos cun albergueiro que cubre esa importante parte que son os peregrinos –480 camiñantes contabilizados– e o Camiño de Santiago", especifica. 

Máis polo miúdo, na oficina de turismo da vila atendéronse a máis de 8.500 persoas nestes últimos 15 días "de procedencias moi diversas", segundo afirma a edil. "A nivel internacional falamos de praticamente tódolos países do mundo, salientando a franceses, italianos e alemáns que son quizáis os que máis elixen o noso concello para pasar uns días", apostilla a concelleira. Polo demais, madrileños e cataláns son, do Estado, os que máis visitan Ribadeo. Nas Catedrais hai unha media de mil consultas diarias e un total de 9.912 solicitantes de información. Unhas 2.000 persoas –case o cen por cen das prazas hoteleiras do concello–, pernoctaron e duplicáronse os barcos de tránsito.

Comentarios