Ribadeo crea un novo grupo terapéutico para doentes de cancro e as súas familias

A asociación local do ramo e a concellaría de igualdade colaboran nunha iniciativa na que os pacientes contarán con apoio psicolóxico

As persoas que padecen algún tipo de cancro, nomeadamente mulleres, así como tamén os seus achegados e familiares, poderán asistir, a partires do vindeiro luns, día 18, a un novo obradoiro terapéutico que ten por obxecto mellorar a súa calidade de vida e axudarlles a que saiban convivir coa enfermidade. A iniciativa púxose en marcha por primeira vez en xaneiro, e tras esa primeira experiencia positiva, a concellaría de igualdade, que dirixe a edil nacionalista Mariluz Álvarez, e a delegación local da Asociación Española contra o Cancro (AECC), da que forma parte a ribadense Dorotea Martínez, volveron crear un novo grupo de terapia.

«No grupo ofertarase un tratamento terapéutico de natureza psicolóxica para as pacientes, de maneira grupal, coa finalidade de mellorar a súa capacidade de afrontamento e a calidade de vida», advirten ámbalas dúas organizadoras. «Coa creación deste grupo preténdese dotar aos seus participantes de estratexias acaídas para sobrelevar a enfermidade e dárlles tamén os recursos cognitivos e emocionais adaptativos para o cambio», matizan.

«A intervención diríxese ás persoas que presenten reaccións desadaptativas ou vexan reducida a súa calidade de vida», di Lastra

A participación no grupo axuda a aumentar asemade a autonomía e o crecemento persoal e contribúe a evitar a cronificación das emocións negativas e a diminuír a sintomatoloxía nas áreas afectadas pola enfermidade.

«En xeral,os obxectivos do grupo son basicamente facilitar a adaptación a enfermidade, facilitar tamén a expresión de emocións e pensamentos arredor do cancro, acadar un axeitado nivel de funcionamento tamén trala enfermidade, así como mellorar a dinámica da relación familiar e de parella», apostillan.

A psicóloga da asociación provincial de Lugo contra o cancro vaise encargar de dinamizar ao grupo terapéutico, cuxa experiencia botará andar o vindeiro luns, ás once da mañá, na Casa da Xuventude de Ribadeo.

Para obter máis información e inscribirse, as persoas que estean interesadas poden chamar tanto a AECC de Lugo, no 982.25.08.09, coma ao Centro de Información á Muller (CIM) de Ribadeo, no 982.12.07.39.

Haberá un total de oito sesións de 90 minutos de duración.

Comentarios