Ribadeo contará cun albergue privado na vindeira primavera

O Hotel Santa Cruz, na rúa Deputación, por onde pasa o Camiño Norte, é unha das principais referencias para os peregrinos
Pérez cos peregrinos Urturi, Del Río e López, no hotel Santa Cruz
photo_camera Pérez cos peregrinos Urturi, Del Río e López, no hotel Santa Cruz

Coincidindo co Ribadeo de Tapeo e co Día das Letras Galegas, seguían chegando onte á vila ribadense non só visitantes e turistas, senón tamén peregrinos. O albergue autonómico de doce prazas da zona do Cargadoiro énchese con certa frecuencia nos últimos meses, grazas en boa medida ao bo tempo. Pero cando este se completa -as vellas escolas de Vilela habilítanse no verán e tamén o pavillón de deportes cando veñen grandes grupos-, a principal referencia para o camiñante é o Hotel Santa Cruz. Está ubicado na rúa Deputación, por onde pasa precisamente o trazado, e o seu dono, Henri Pérez, con 25 anos de experiencia no sector, avanza que abrirá un albergue de 25 prazas na vindeira primavera.

"Chegan ao redor de seis ou sete peregrinos diarios ao hotel, onde tamén lles selamos as credenciais. Ademais é xusto nestas datas, entre maio e xuño, cando hai maior afluencia neste senso, máis aínda que ao longo do verán", apostilla o hostaleiro, que calcula que "o 80% dos peregrinos que optan pola senda norte son alemanes".

O seu negocio non está orientado especificamente aos peregrinos, non é un albergue, pero ao estar en pleno Camiño de Santiago Norte e ser unha referencia para o camiñante, adapta prezos e instalación, mesmo dispón de equipas para colgar as bicicletas.

Onte ao mediodía precisamente chegaron en bicicleta tres peregrinos que facían por primeira vez a ruta do norte. Dous deles saíron á mesma vez dende Irún, como é o caso do xerezano Antonio López e de Miguel del Río, das Palmas de Gran Canaria. Polo camiño coñeceron ao arxentino de 73 anos Ángel Urturi que xa percorrera anteriormente a senda francesa. Os tres agardan chegar o sábado a Compostela despois de emprender a diario rutas de ata 70 kilómetros. Consideran que en xeral a rede pública de hospederías está regular e destacan o ben que atoparon por exemplo o de Güelmes, en Cantabria.

Sobre o paso en bici pola Ponte dos Santos notaron en efecto o impacto do vento e do rebufo dos camións da Autovía do Cantábrico (A-8) que pasan xusto ao lado.

O hosteleiro dispón de catro apartamentos turísticos e 17 prazas hotaleiras e ao lado está preparando un futuro albergue. O proxecto de crear un público, en mans da Xunta, no vello colexio das monxas, detrás da Torre dos Moreno, continúa paralizado.

Comentarios