Agaceme ten 26 prazas na localidade burelesa

Rey Varela garante que a Xunta seguirá apoiando o centro burelés San Aníbal

O conselleiro de Política Social resaltou a inversión en máis de cinco millóns de euros na rede de instalacións para menores en Galicia
Un intre da visita de Rey (centro) ao centro San Aníbal
photo_camera Un intre da visita de Rey (centro) ao centro San Aníbal

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, estivo este xoves nas instalacións do centro de día San Aníbal cumprindo "un compromiso adquirido para seguir visitando os centros de menores da comunidade autónoma". Durante a súa estadía, Rey Varela destacou a inversión realizada pola Xunta cos menores, destacando os 5,5 millóns de euros que o Goberno galego destina aos centros que pertencen á Asociación Galega de Centros de Menores (Agaceme), onde está incluído o centro burelés, co que seguirá a traballar.

Durante a visita o conselleiro percorreu as instalacións e tivo unhas pequenas conversas cos residentes do centro e as súas familias, coñecendo o día a día dos usuarios e interesándose polos máis pequenos, cos que departiu amigablemente. Tamén loubou os traballadores do centro, dos que dixo que eran un magnífico equipo de profesionais e dos que destacou que "o traballo que están facendo é fundamental para que os nenos que non teñen familia poidan tela".

No percorrido, acompañaron ao conselleiro a directora do centro, a Irmá Martina Sendino, así como a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, e a Delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, así como o alcalde burelés, Alfredo LLano, e membros da corporación local.

Rey Varela destacou o traballo conxunto entre administracións, sen ideas políticas, "só importa o benestar dos nenos"

Tras rematar a visita ao centro de día, Rey Varela destacou que "os menores son o noso futuro, os que requiren unha maior protección" e destacou o traballo da Xunta para garantir que os dereitos do menor sexan respectados sempre, previndo segundo dixo o conselleiro "situacións de desamparo e actuando da maneira máis rápida e eficaz posible". Nesta liña, Rey Varela engadiu que a Xunta e Agaceme compartían "o obxectivo de situar os intereses do menor por enriba de calquera outros".

O responsable de Política Social dixo tamén que "hai situacións na vida nas que a familia directamente non pode desenvolver esa función de xeito provisional ou xeito definitivo. E é entón cando é fundamental o traballo realizado polos profesionais nos centros de atención para garantir os dereitos destes nenos, así como asegurar que terán as mesmas oportunidades que os demais".

Rey Varela destacou a situación de referencia do centro burelés na comarca e en Galicia, sinalando que "é unha honra para A Mariña que estea aquí".

Para rematar a visita, Rey Varela quixo destacar a inversión realizada polo Goberno autonómico nos centros galegos, sinalando que "a Xunta ten un total de 306 prazas concertadas ás que destina 5,5 millóns de euros".

Comentarios