Revivindo a Viqueira

A asociación cultural mariñá “Roxín Roxal” organizou hai uns días un roteiro por algúns dos lugares que tiveron que ver coa vida do grande intelectual galeguista  Xoán Vicente Viqueira. Na interesante actividade, que levaba por título “Revivindo a Viqueira”, percorríanse espazos tan significativos como o Quinta de San Vitorio, cos seus fermosos xardíns, na parroquia de Vixoi e o cemiterio de Ouces, onde fica a súa tumba, todos eles situados no concello coruñés de Bergondo. Non só homenaxear ao filósofo Viqueira, senón tamén revivir o ricaz pensamento de alguén que foi precedente de moitos dos temas fundamentais da cultura galega, constitúe un obxectivo necesario nunha época como actual, na que escasean  referentes sólidos.

Viqueira contou cunha excelente formación académica, da man da Institución Libre de Enseñanza, na que estudou, e das súas estadías posteriores en universidades de Franza, Alemaña e Inglaterra. Foi alumno de Giner de los Ríos, Bartolomé Cossío, Durkheim, Bergson, Cassirer, Husserl e Wundt. Porén, malia os  anos de vida universitaria cosmopolita, nos que chegou a dominar as linguas  alemá e inglesa, ao voltar a Galiza converteuse nun sobrasaente galeguista e nacionalista, até o punto de presidir nos anos vinte do pasado século a Irmandade da Fala da cidade da Coruña, a máis progresista e numerosa de todas. Escribiu sobre filosofía, psicoloxía e pegagoxía, mais tamén foi un bo poeta en galego, espiritualista-paisaxista e saúdosista, sendo precedente da tendencia neotrobadoresca. Defendeu con firmeza o uso da lingua galega, o seu reitegracionismo co portugués e a galeguización do ensino. A súa vida e obra constitúen paradigmas da compatibilidade absoluta do galeguismo co cosmopolitismo cultural máis requintado.
   
O pensamento político deste humanista galego, en consonancia coa Institución, era progresista. Singularizábase nun nacionalismo galego, democrático, republicano, federal, socialista e laico, en contraposición co galeguismo conservador e católico de Vicente Risco, o outro teórico nacionalista naquel momento. Viqueira uniu por primeira vez na década dos vinte a ideoloxía nacionalista e a de esquerda.A dorosa osteomelite, que padeceu desde a mocidade, levouno á morte aos trinta oito anos, antes de que se convertese probabelmente no intelectual e político galego máis grande da historia. Mais esa doenza que destruiu o seu corpo axudou, nas súas palabras, “a afianzar a miña alma”. Ser moi crítico co catolicismo non lle fixo achegarse a posicionamentos materialistas, senón a manter en vida unha espiritualidade propia do panenteísmo krausista e a querer un enterro laico en Ouces.
   
A calesa coa que se dirixía acotío até a estación de tren de Guísamo para dar aulas no instituto da Coruña aínda se conserva na Quinta de Vixoi. Este ben patrimonial, xunto co edificio, mirador-biblioteca, xardíns, mobles e libros serían o marco ideal para que se crease unha fundación adicada a dar a coñecer o seu pensamento. A “Fundación Viquiera” de Bergondo, a diferenza das literarias que xa existen, sería a primeira galega adicada a filosofía, psicoloxía e ciencias do ensino.

Comentarios