Revival

As listas de cancións son esa cousa inexacta e á vez divertida que os seareiros confeccionamos con fervor e constancia. Tres himnos históricos do rocanrol español son Maneras de vivir, de Leño; Desde el jergón, de Los Enemigos, e Dolores se llamaba Lola, de Los Suaves. A categoría de himno na música popular é espiritualmente superior á de hit, connota un raizame na memoria colectiva e un admirable poder de acelerar corazóns, sublevar mentes e desatar mareas de brazos alzados. Desde el jergón volveu soar en Vilagarcía de Arousa o venres pasado, dez anos despois de que Los Enemigos rubricaran o seu adeus con tres xornadas emocionantes na Riviera madrileña. Ten razón Neruda, “nosotros, los de entonces ya no somos los mismos”.

Pero o cuarteto de Josele, Fino, Manolo e Chema saíu á noite fresca das Rías Baixas con espírito adolescente e a temperanza que dá o oficio. Un sempre asiste ás resurreccións dos grupos que amou cunha mestura de saudade e certo receo.

Cando certos temas musicais cumpren o papel de boias pola vida, é de temer que movelos do sitio supoña alterar unha paisaxe fixada para sempre. Pero o cancioneiro de Los Enemigos, coma o de todas as grandes bandas, non é xeracional nin intransferible, está tocado pola maxia da atemporalidade e a súa graza. E por iso mesmo, pode iluminar mil vidas en mil tempos distintos.

Comentarios