Revisión da cociña galega

Mulleres participantes no curso de cociña (Foto: AMA)
photo_camera Mulleres participantes no curso de cociña (Foto: AMA)

Un total de 19 mulleres da asociación Fraga das Saímas participan no primeiro curso de cociña e repostería ó estilo tradicional que organiza o colectivo, e que imparte no restaurante O Val do Naseiro Iván Galdo.

Desde a directiva sinalan que esta actividade era moi demandada polas mulleres e con ela pretenden «contribuir a rescatar o valor patrimonial das receitas tradicionais galegas, aprender sobre a historia gastronómica do país e gozar dun momento agradable».

O profesor pola súa banda explica que lles dá liberdade ás participantes para escoller as receitas. «Estamos facendo o que van demandando elas. Facemos tódolos días uns entrantes, primeiro prato, segundo e postre». Iso si, varían os menús: «Imos vendo carnes, pescados... e distintos tipos de repostería», pero sempre relacionados ca cociña tradicional e galega. «Facemos pratos de sempre, pero tamén imos innovando. Por exemplo, procuramos que aprendan a decorar un simple prato un pouco mellor, e que coñezan outras formas de facer as cousas, como derivados do bechamel, ou que aprendan a facer elaboracións con crema pasteleira». Exemplos destas creacións son unha tradicional merluza en salsa verde ou chupa-chups de polo.

Galdo está moi contento con estas alumnas. «Debe ser o sétimo curso que imparto, todos foron moi ben, pero con elas estou moi contento. Pregúntanme, gústame que dentro do curso non quede ningunha dúbida, se hai que repetir 50 veces repítese», asegura.

Comentarios