Lunes. 19.11.2018 |
El tiempo
Lunes. 19.11.2018
El tiempo

Resumo de noticias

Non é o obxectivo da miña columna, por se alguén o puidese pensar, facer un deses resumos de noticias que, a xeito de balance, dan conta dos acontecementos máis salientábeis do ano. Reportaxes desas, con maior ou menor obxectividade, que de todo hai, foron xa abondo difundidas por medios de comunicación e redes sociais. Do que quero falar hoxe é desoutra sorte de novas que aparecen nos días nos que o mundo pecha por vacacións e, non habendo catástrofes, accidentes ou decretos in extremis, semella que non pasa nada importante e que nada hai tampouco que contar. Ao contrario do que ocorre na vida real, a ausencia de noticias non é unha boa noticia para quen difunde e consome información.

Nos días nos que non parece acontecer gran cousa, os espazos informativos acostuman encher os seus minutos -penso agora na televisión- botando man de estratexias varias. Unha delas é a de recorrer a noticias anecdóticas que ocuparían peches ou seccións de curiosidades con abondosos datos enciclopédicos. Tan só nalgún caso estas reportaxes conseguen recuperar -isto é, sacar do conxelador- temas de interese sepultados polo paso do tempo e polas urxencias cotiás. Nos períodos de menor actividade adóitase tamén acudir a noticias locais, un xénero moi querido pola televisión pública de aquí, á que tanto lle gusta descender até o nivel micro. O parto xeneroso dunha ovella, as desavinzas entre o cura e a parroquia, unha liorta veciñal ou o furto dunha matanza teñen ocupado moitas veces minutos nun telexornal. A narración de tales sucesos vese en ocasións enriquecida por un tratamento sensacionalista que acaba achegándoa a xéneros de ficción. Outro dos comodíns dos se bota man cando os contidos escasean é o tempo meteorolóxico, que ve amplificada a súa xa importante presenza con exhaustivas reportaxes realizadas ao longo da xeografía galega.

As estratexias mencionadas non comportan ao meu entender máis perigo que o tedio. A intranscendencia dalgunha delas mesmo pode chegar a resultar simpática. Ben diferentes son aquelas que, tendo como obxectivo encher minutos na programación, non renuncian a influír na audiencia: na súa disposición para gastar, para realizar viaxes ou para asumir unha nova ben máis preocupante. É o caso dalgunhas das noticias que escoitamos este Nadal e que nos falaron, incesante e por veces intempestivamente, do final da crise, da recuperación, dos beneficios da reforma fiscal, do aumento do volume de vendas ou dos prognósticos favorábeis para o ano que comeza. Debuxan todas un país das marabillas que bate de fronte coa Galicia real: a do paro, a da emigración, a dos desafiuzamentos, a das listas de espera, a dos recortes, a da exclusión. Constitúen, iso si, un fermoso resumo de noticias para unha postal de Nadal e aninovo.

Resumo de noticias
Comentarios