Restauradores do pasado

«É un intento de mantemento no tempo da lembranza da historia da parroquia», explica a artesá vilalbesa Clara Naseiro, que imparte dende outubro un curso de restauración de madeira en Santaballa co obxectivo de «recuperar os mobles que se conservan na escola, os que xa había e conseguir máis antigos» para dar forma ó futuro museo da emigración da Liga Santaballesa, que esta primavera abrirá as súas portas ó pasado.

Entre mobles, roupeiros, chineiros, escritorios, mesas, cadeiras, camas, lavabos, armarios, mesiñas de noite, librerías, pupitres, baúles, maletas e ducias de enseres de lareiras, once persoas, a maioría santaballeses, aínda que o grupo está aberto a tódolos interesados, convertéronse en restauradores do pasado, da memoria e da vida dunha época na que gran parte dos veciños se viron obrigados a cruzar o Atlántico rumbo a Cuba.

«Algúns mobles xa estaban aquí, outros doáronse pero gran parte deles compráronse», asegura o presidente da Liga Santaballesa, Isidro Cillero. Todos son antigos, mobiliario que vai dende 1850 ata os máis recentes que xa tivo a escola habaneira, que datan da década dos anos 40 deste século.

«O estado dos moble é moi diverso, pois hai de todo», explica Clara Naseiro, a encargada de guiar ós restauradores. «O peor adoita ser o reforzo da estrutura, roturas, desencolados... son o maior problema», explica, mentras asegura que a maioría da xente que asiste ao curso «é por vontade de colaboración».

«Antes de nada facemos un exame previo do moble, estilo, madeira, data... Despois examinamos a estrutura principal para reafirmala e logo optamos pola limpeza, que pode ser con decapados, con químicos, raspillados ou lixados», apunta a artesá vilalbesa, que asegura que a maioría das pezas son de castaño e algunha de pino.

«O seguinte paso é a sustitución de pezas dañadas ou perdidas. Ó final pasamos ó encolado, rexuntes de táboas... e para rematar, neste caso, tratamos os mobles todos con produtos á auga, que non alteran o estado da madeira, e damos unha pátina de mate satinado», indica.

«Procuramos que se vexa o estado que tiñan na época, que se vexa o uso cotiá que se lles daba englobando todo no ambiente dos habaneiros», dice. O antigo edificio, hoxe recuperado, será sede dun museo da emigración, coa escola, a habitación do mestre, a cociña, sala de reunións e unha exposición de fotografías da época.

O curso, que comezou en outubro, prolongouse ata decembro. O segundo trimestre retomárono este ano e prolongarase varios meses ata ter restaurados tódolos mobles. Tamén está aberto ós que queiran recuperar pezas propias.

Comentarios