A restauración do retablo de Torés destapa novas pinturas nas paredes

Os traballos remataron na pasada fin de semana e consistiron na limpeza, consolidación e reconstrución da obra que preside o altar maior, unha peza barroca moi singular
O retablo, coas imaxes retiradas, a punto de rematar a restauración
photo_camera O retablo, coas imaxes retiradas, a punto de rematar a restauración

A igrexa de Torés, nas Nogais, non deixa de sorprender. Conta cun retablo barroco de fins do século XVII ou inicios do XVIII. Estaba moi deteriorado e a restauradora Ángeles Fernández Santiago traballou nos últimos meses para sanealo e asegurar que se manteña en pé algún século máis. Pero a súa contribución non se limitou a iso. Nos seus días de traballo na igrexa, descubriu que baixo as pinturas que decoran as paredes hai outras, tamén barrocas, posiblemente do tempo do retablo.

A restauradora realizou unhas pequenas catas na zona do altar maior, baixo unha das ventás da igrexa, pois sospeitaba que podía haber pinturas máis antigas que a policromía que se ve a simple vista e que xa de por si fai singular a capela. E acertou. As mostras amosan debuxos de corte barroco que posiblemente encadraran o retablo, polo que Ángeles Fernández estima que poderían ser da mesma época. De calquera xeito, afirma que faría falta un estudo máis completo para detallar as características destas pinturas. "É decoración barroca, pero polo que puiden ver está moi deteriorada e é moi arriscado destapala", apunta a restauradora. Para descubrir estas pinturas habería que destruír as que teñen encima. "Iso non é aconsellable. Sen un estudo a fondo non sabemos a superficie que poden ocupar, pero penso que é pouca e non creo que compense eliminar as pinturas que as tapan", explica. En todo caso, a importancia do achado radica en que ofrece máis información sobre a igrexa orixinal.

A restauración do retablo revelou máis singularidades. Foi construído cun sistema pouco habitual en Galicia, posiblemente influído por artistas de Castela ou feito por algún deles. A diferenza radica nas pezas que o compoñen. "Normalmente, os retablos galegos están feitos con pezas horizontais de madeira nun único bloque. Este ten dúas ou tres pezas en cada corpo. Hai unha peza base, outra por encima e despois a moldura. Os detalles decorativos tamén van clavados, non tallados directamente na madeira", explica Ángeles Fernández.

Estas madeiras cederon co tempo. A restauradora tentou volvelas á liña orixinal, pero non foi posible asentalas todas. "O retablo foi dourado 50 anos despois de facelo e xa cedera algo. Se levamos as pezas á liña orixinal rompemos o dourado. Recuperamos a estrutura orixinal ata onde puidemos sen prexudicar o ouro".

A parte do sagrario e da mesa do altar foron adiantadas nalgún momento e o oco resultante cubriuse con táboas. Esa modificación respectouse na restauración.

Desinsectaron, limparon a fondo tanto o retablo como as tallas dos santos. Asentaron o ouro e a policromía e repuxéronos nas zonas onde era necesario para interpretar o conxunto. "Reconstruímos o importante para entender a obra, se reintegramos moito queda falseado históricamente", explica a restauradora.

O tesouro que garda a igrexa de Torés está xa listo para que os veciños o sigan desfrutando e xa revelou algún detalle máis para sumar ao seu patrimonio e para completar a historia do lugar.

A decoración descuberta é de estilo barroco e estímase que foi feita ao tempo que o retablo, entre fins do século XVII e principios do XVIII

Comentarios