Viernes. 21.09.2018 |
El tiempo
Viernes. 21.09.2018
El tiempo

A resistencia das burbullas meiregas

Manuel Eiras, ante unha das liñas de envasado de La Pitusa en Meira
Manuel Eiras, ante unha das liñas de envasado de La Pitusa en Meira
Hai anos había máis de 200 fábricas de gaseosa en Galicia, pero a maioría quedaron no olvido co paso do tempo, a chegada das grandes marcas e os cambios de consumo. A familia Eiras é a encargada de manter viva unha das únicas dúas que quedan na provincia de Lugo. A nena de coletas de La Pitusa xa é un símbolo da vila

MEIRA ten moitos símbolos. O Pedregal de Irimia, nacemento dese río Miño que atravesa Galicia dende A Chaira para chegar ao mar; a igrexa de Santa María, testemuño vivo da historia que unirá a vila con Europa a través da Ruta do Císter, ou a Malla, unha festa de interese turístico que mantén inmóbil o paso do tempo. E logo hai outros, que pasan máis desapercibidos, pero que conforman igual a súa idiosincrasia.

Tras moitas décadas de traballos, a bebida que ilustra a nena roiba de coletas e sorriso permanente, La Pitusa, é outro símbolo da vila que a familia Eiras se encargou de manter vivo, pese ao paso do tempo e ás dificultades do mercado, coa chegada das grandes marcas -eses xigantes innomeables que sempre queren comer ao pequeno- e os cambios de consumo.

«Había fábricas de gaseosa en tódalas esquinas. En Galicia chegou a haber máis de 200 e poucas quedan xa. Na provincia de Lugo só estamos nós e outra fábrica de Chantada, Gaseosas Noguerol», apunta Manuel Eiras, a segunda xeración dun negocio que xa comparte coa terceira -as súas fillas Lucía e Lola-, tras décadas de traballos xunto ao seu irmán, Alfonso, que faleceu hai tres anos.

La Pitusa chegou a Meira hai máis de medio século, 55 anos en concreto, cando a familia Eiras decidiu apostar por esta marca nacional que hoxe se fabrica na Rioxa, Zaragoza, Navarra e nas catro provincias de Galicia. Pero o negocio en Meira xa viña de antes.

Historia. «Naceu co meu avó, en 1947, que empezou cunha marca propia, La Sarie (un anagrama do seu propio apelido)», explica Lucía, mentres seu pai, Manuel, corre polos camiños dos recordos cara ao pasado na busca de imaxes doutros tempos, dos comenzos da auga carbonatada máis antiga da provincia de Lugo.

«La Pitusa é máis coñecida pero o traballo segue sendo o mesmo que ao principio. Cando empezou meu pai, en Meira, había unha fábrica de gaseosa funcionando e houbera outra anterior, que xa pechara. E foi o que pechou o que lle deu a idea do negocio», rememora Manuel.

E debuxa con palabras as fotografías que ten gardadas na memoria, cando se fabricaban dez caixas de gaseosa ao día entre dúas persoas -fronte aos 250.000 litros que se comercializan agora anualmente, cun negocio que suma cinco traballadores- ou cando os coches aínda eran case ciencia ficción e a distribución se realizaba nun carro tirado por un cabalo ou en bicicleta.

«Cambiou todo moitísimo. Empezouse embotellando á man e lavando as botellas unha por unha. Agora está todo automatizado e dende que entran na lavadora non se lles volve tocar», di este empresario, mentres explica os puntos básicos polos que pasa cada botella. «Énchense, tápanse e etiquétanse. Saen directas para meter nas caixas para vender», explica, e sinala dúas liñas de envasado que funcionan unha ou dúas veces por semana, dependendo das vendas e da época, sendo o verán a tempada máis axetreada.

A fábrica naceu en 1947 coa marca propia La Sarie e hoxe, coa terceira xeración, produce uns 250.000 litros de bebida ao ano

Por elas, pasaron innumerables botellas, de gaseosa soa -para tomar así ou acompañar o viño-, con limón ou laranxa, os sabores de sempre, e tamén algunhas con kiwi ou cola, que non funcionaron e deixáronse de facer. Pero as botellas, como a fábrica, tamén cambiaron.

«O envase é moi diferente. Tamén houbo unha evolución, coas súas cousas boas e as malas. Co cristal había clientes máis fieis, volvían sempre», di Manuel cunha certa nostalxia, mentres mostra os diferentes tamaños que comercializan actualmente, tanto en plástico como en vidro, porque aínda se mantén, nun despacho no que foi conformando co paso do tempo o seu propio museo da gaseosa.

Máis de 200 botellas das distintas marcas que se comercializaron nos últimos anos en España, moitas aínda cos antigos sifóns que levan décadas no olvido, mostran a case desaparición dun sector que foi base económica e toda unha revolución para os sentidos dende que o estadounidense Jonh Matthews comenzou a súa comercialización nos anos trinta do século XIX.

Cal é a clave para resistir? Por que as burbullas de Meira seguen coa súa efervescencia mentres a maioría afogaron co tempo? «Que a empresa é familiar e o produto é bo. E despois, traballar, traballar e traballar», contesta rápido Manuel, case sen pensar, con esas palabras que emerxen dende dentro por convicción.

«Hai que traballar duro e aínda así hai meses que é difícil cadrar os números. Por eso é un orgullo poder continuar o traballo feito. Quedaron moitas empresas de gaseosa polo camiño. Acordo moitas», di, sabedor de que resistir non é fácil.

E conta a receita máxica dunha auga carbonatada que comercializan na provincia de Lugo e parte de Ourense, Asturias e León, con esa nena de coletas que é unha habitual nas rúas de Meira, co paso continuo das furgonetas e os camións da empresa Eiras C.B., que se constituiu no ano 2013 co fin de continuar e modernizar o negocio familiar dedicado á fabricación de gaseosa e á distribución doutras bebidas refrescantes.

«Auga, gas carbónico, cítricos, edulcorantes e zumos», enumera Manuel. É a súa fórmula, a combinación básica que el mesmo matiza. «A calidade da auga é fundamental. Se non é boa, xa empezamos mal», di, ao tempo que destaca a importancia da resistencia das burbullas, que non so teñen que superar o correr do tempo senón manter a súa forza dentro da botella. «Unha gaseosa, se non ten gas, non é gaseosa».

A resistencia das burbullas meiregas
Comentarios