Resino & Vázquez

Ano 1991. Abel Resino gaña a Copa do Rei como colchoneiro. O toledano é un dos estandartes daquel Atlético errante que vivía en éxtaxe baixo a tolemia de Jesús Gil. Aquel ano, mentres Abel gañaba o Trofeo Zamora e establecía un novo rexistro de imbatibilidade, un profesor de inglés apaixoado polo fútbol, revolucionaba o modesto Lalín ata lograr ascendelo a 2ªB. Aquela fazaña supuxo o despegue de Vázquez. Definitivamente o de Castrofeito deixaba as aulas para iniciar unha meteórica carreira como técnico.

22 anos despois, os dous, Abel e Vázquez, unen os seus destinos ao recibir senllas chamadas de auxilio. Vázquez non dubida, leva seis anos sen adestrar e se cadra esa inactividade ten o seu efecto positivo. A ilusión xa se lle presupoñía, pero poucos imaxinaban que, só dous meses despois, aquel Deportivo enfermo pendente de recibir a extrema unción ía revivir a base de fútbol, goles e vitorias.

Vázquez aplicou o sentido común e involucrou a unha afeción, clave na remontada, que se acabou por enganchar ao discurso do míster. Fernando recuperou a base de moito diálogo a confianza do vestiario. Incidiu enormemente no aspecto físico nun equipo que colleu sen folgos, fóra de forma. Apostou pola posesión do balón como estilo de xogo; dándolle máis protagonismo a Juan Domínguez, máis minutos a Salomao, afortalando o papel referencial de Valerón e Marchena e mimando a delicada saúde dun Riki sempre imprescindible. Despois de varias probas en forma de derrota, chegaron os triunfos e a partir de aí, todo está sendo máis sinxelo.

Mentres, en Vigo, Abel aínda non deu coa tecla axeitada. O toledano colleitou 4 puntos en 6 xornadas; pobre bagaxe para un equipo que se xoga a vida. Os acontecementos máis recentes tampouco axudan. O Celta aínda non logrou remediar a ausencia obrigada de Iago Aspas e todos, prensa, afección e ata algúns xogadores, xa deixaron entrever que o sistema de xogo que profesa Abel non é compatible coa xenética do equipo.

Con Herrera o Celta avogaba pola posesión do balón, pola circulación, pola procura de espazos. Abel mudou o esquema. Equipo compacto –adiantando moito a defensa–, presión abafante ao rival e fútbol máis directo. Ante o Rayo, Javi Varas sacou en longo en máis de corenta ocasións; todo un frontón futbolístico cun Park illado no ataque, na procura inútil do esférico.

Dicía Valdano que “o fútbol é un estado de ánimo”. Daquela, o Dépor vive en plenitude; fixo o más difícil e agora depende de si mesmo. Mentres, en Vigo seguen os nubarróns, as dúbidas, pero o Celta está a un só triunfo da salvación. Vázquez esboza un sorriso; Abel mantén o rostro serio. Por diante, 8 finais de infarto.

Comentarios