Réquiem

O FUNERAL de Hugo Chávez deixounos coa sensación de que xa o tiñamos visto antes. Esas ringleiras de penitentes e plañideiras eran as mesmas que acompañaron en outro tempo a Eva Perón, a Mao, a Kim Il-sung e Kim Jong-il. Son o sinal do culto á personalidade que se converteu en forma de facer política en tantos réximes autoritarios ou populistas, e veñen a desvirtuar a nota de prensa na que o Partido Comunista de España se refería a Chávez como gran demócrata. Mortos Hitler, Mussolini, Franco ou Salazar, por fortuna, apenas quedan espazos para este tipo de histerias colectivas e, por tanto, os funerais de estado carecen desa dimensión tremendista que tanto gustan aos autoritarios.

Probablemente, o relativismo e o laicismo aprendeunos a lección de que detrás dun grande home ou muller, tamén se agochan feblezas que en algún caso son incompatibles coa esaxerada reverencia que reclaman. Velaí como en pleno proceso de beatificación de Xoán Paulo II xurdiu un noxento escándalo que o seu sucesor non foi quen de limpar. No caso de Chávez estanse a facer moitos balances sobre a súa xestión, e queda fóra de toda dúbida a súa enorme dimensión política. Pero lembro que un profesor dunha universidade irlandesa que traballara no servizo diplomático contoume unha anécdota sobre unha conferencia en Teherán, na que el coincidira cun Chávez aínda pouco coñecido. No canto de asistir ás reunións, o que sería gran líder bolivariano e os seus acólitos pasaron a maior parte do tempo na difícil procura de cervexa (prohibida polas autoridades islámicas de Irán) e na compra das afamadas alfombras.

Pobre retrato para un home que aspirou a ser ideólogo pero que ben podería pasar á historia como un histrión. Aí están os seus inacabables discursos, ao xeito de Fidel pero con unha grande diferenza con este: o cubano estaba cheo de ideas mentres o venezolano se quedaba en simple verborrea ou en número de vodevil. Tamén é evidente o contraste entre a elegancia e sobriedade de Castro e as chabacanas chanzas do camarada Hugo. De xeito que, cando se calmen as emocións e o defunto durma o soño do corpo embalsamado, é posible que a figura deste chorado líder se vaia desdebuxando e algún día se acabe comparando con tipos como Berlusconi.

Por certo, alguén se parou a pensar como podería ser o eventual enterro deste político italiano? A xulgar polo espectáculo que está dando en vida non podemos agardar que as súas exequias sexan menos vistosas que as do mismísimo Chávez.

Comentarios