Estes días está en debate a posible venda dun paquete de accións de Repsol á petroleira rusa Lukoil por parte sobre todo da empresa Sacyr que convertiría á empresa rusa no accionista de referencia de Repsol. Os tres asuntos que inclúo no título deste artigo están relacionados. Se agora hai este problema é porque no seu momento houbo unha privatización parcial de empresas estratéxicas no sector enerxético, como foron os casos de Repsol e Endesa. Tamén porque aproveitando o ‘boom’ da construción algunhas das principais como Sacyr lanzáronse a operacións de compra noutros sectores cunha forte ampliación do seu nivel de endebedamento.
A privatización total e a práctica liquidación do sector público na industria española foi impulsado e defendido polo Goberno Aznar cos teóricos fins de liberalizar a nosa economía e mellorar a súa competitividade. Outros países europeos segueron a manter empresas públicas no sector enerxético como son os casos de EDF en Francia e de Enel en Italia. Aínda que se afirmara que a propiedade desas empresas ía quedar baixo control dun núcleo estable de accionistas españois, o certo é que quedaban expostas ás visicitudes do capital privado.
Un segundo asunto que conduce á actual situación é a entrada das grandes construtoras nas tomas de control das grandes empresas enerxéticas aproveitando o ‘boom’ dos últimos anos. Así ACS faise có control de Unión Fenosa, Entrecanales entra en Endesa e Sacyr en Repsol. As empresas construtoras están afeitas a operar nun sector con importantes doses de risco e de especulación. Outros negocios como os da enerxía clásica (outra cousa poden ser as novas como a eólica) están basados en investimentos elevados, con ciclos longos e rendabilidades moderadas, aínda que estables e con baixo nivel de risco. Boa parte dos investimentos das construtoras no sector enerxético foron feitos baixo outros presupostos e cunha financiación baseada en gran medida no propio valor das accións que adquirían. De aí os seus problemas ao chegar a crise. Primeiro xa foi ACS que se veu obrigada a vender a súa participación en Unión Fenosa. Agora tócalle o turno a Sacyr co seu paquete de Repsol. Este é o seu problema, que en parte é tamén da economía
española, polo seus impactos directos e indirectos, no caso de que tivera problemas insuperabeis.
Pero entendo que o interese público pasa por conservar a autonomía sobre o sector enerxético e non deixar entrar un capital tan especial como o ruso polo seu orixe e prácticas recentes. O Goberno ten un papel difícil de resolver, pero aínda pode conservar algúns instrumentos para facelo. Iso si, sen moita axuda do PP e da demagoxia do seu líder, que denuncia agora o que na súa orixe é un problema herdado do goberno no que participou.