Repensar as deputacións. Cómo actuar de maneira diferente

OS CIENTÍFICOS saben que, en ocasións, 1+1?2. O debate sobre a supresión das deputacións é un deses casos no que as primeiras impresións poden derivar nunha conclusión, como pouco, incompleta.

A Deputación non ten medo a afrontar cómo moldear o seu futuro máis que acomodarse ó molde do pasado. Toda reforma que se traduza nun mellor servizo público será apoiada por quen escribe estas liñas. Creo que é preciso repensar as deputacións porque é posible transformalas nun escenario económico no que a innovación é clave para seguir avanzando.

Este debate vai parello á reforma da arquitectura institucional actual. Temos que saber de qué cifras falamos. Os gobernos locais intermedios en España, como os provinciais, representan un 13,5% do gasto público local. A cifra é pequena para realizar un traballo cada vez máis grande.

Debido ó minifundismo municipal, ó contexto económico e á actitude de administracións como a Xunta, que está eludindo moitas das súas obrigas, as deputacións vémonos no compromiso de asumir competencias impropias; de transformar os «problemas micro» dos concellos en «solucións macro» que, aplicadas en rede, reduzan custos a todos; ou de facer de únicos axentes investidores nos municipios. Creo que non fai falta que lembre as desafortunadas palabras do presidente da Xunta afirmando que non ten case ningunha competencia contra o paro -cando están transferidas ás comunidades autónomas- ou a recente polémica sobre a supresión de Preescolar na Casa -imprescindible para a educación no rural lugués-. En ámbolos dous casos, tras o incumprimento da Xunta das súas competencias directas, a sociedade sempre se dirixe á Deputación.

A reorganización competencial non se pode limitar a unha cirurxía territorial de deputacións. Ten que comezar pola subscrición dun pacto de Estado ou, cando menos, dunha política de amplo consenso, que trace as liñas mestras da reordenación do sistema de competencias locais.

Será despois cando poderemos propoñer melloras como un novo sistema de elección directa nas deputacións; prestar servizos públicos a un menor custo a través de joint ventures ou alianzas estratéxicas; sumar servizos como facemos na Deputación de Lugo, ou pensar nunha fusión futura e real dos concellos que, como dicía ó comezo, vaia máis alá da suma matemática de que 1+1 sumen 2.

(JOSÉ RAMÓN GÓMEZ BESTEIRO é o presidente da Deputación Provincial de Lugo)

Comentarios