miércoles. 13.11.2019 |
El tiempo
miércoles. 13.11.2019
El tiempo

Renda básica

A IDEOLOXÍA político-económica aceptada comunmente defende que, no marco da economía de mercado, o crecemento do PIB supón de xeito mecánico o incremento dos postos de traballo polo que a acción de goberno neste eido consiste en eliminar os atrancos que dende unha concepción mais social do estado  (constitucionalmente España defínese como un estado social) se teñen  establecido de cara ao que se entendía como ben común e que poden dificultar o mencionado crecemento e, como consecuencia, impedir a recuperación do emprego.

Esta posición ideolóxica que permite xustificar a paulatina proletarización do traballo ten unha eiva fundamental, non responde á realidade actual. A gradual substitución do ser humano por elementos procedentes da robótica, a informática, a telemática, etc., asociada a procesos de deslocalización da produción, establecen variables que os ideólogos oficiais non contemplan pero que, no mencionado marco político-económico, conducen á frustración e a desesperanza a boa parte de cidadáns e cidadás, nomeadamente a aqueles que teñen que se converter nos piares da sociedade, a xente moza que remata o seu período de formación.

Unha das alternativas a esta ideoloxía dominante e aos seus “disfuncionais” efectos,  debatida xa dende os anos oitenta, é a “renda básica”, concepto non estritamente unívoco ao que tentaremos aproximarnos:

Dende unha perspectiva, fundamentalmente ética, a Rede Renda Básica define este concepto como un ingreso pagado polo estado, como dereito de cidadanía, a cada membro de pleno dereito ou residente da sociedade, mesmo se non quere traballar de forma remunerada, sen ter en consideración se é rico ou pobre ou, dito doutra maneira, independentemente de cales podan ser as outras posibles fontes de renda e sen importar con quen conviva. Partillando esta definición o economista Santiago Niño defende que hai que “garantir o sustento mínimo a unha poboación que sendo activa xa non é necesaria"

Ramiro Pinto (Arenci), dende unha óptica mais funcional, na súa obra:  “Los fundamentos de la Renta Básica y la perestroika del capitalismo”, formula con  base na Taxa Tobin o que chama Taxa RB na que aquela, limitada aos movementos de capital, se estende a todo beneficio de carácter especulativo, a toda revalorización económica que non corresponda con economía produtiva. Esta taxa non debe servir para financiar os servizos sociais ou as pensións, debe distribuírse directamente a cidadáns e cidadás. As principais vantaxes económicas serían: a) mellorar o funcionamento do sistema monetario ao que ofrece estabilidade, b) eliminar a pobreza nos países desenvolvidos, c) favorecer o desenvolvemento dos países do Terceiro Mundo facilitando e promovendo a deslocalización produtiva.

Aínda que sen abranguer ao conxunto da poboación, están  a desenvolverse diversos modelos de renda básica en diferentes países e mesmo no Estado Español nalgunhas comunidades autónomas, porén o caso mais salientable é o de Suíza onde a cidadanía decidirá en referéndum sobre a proposta de outorgar, por parte do estado,  a cantidade de 2500 francos (uns 2000 euros) mensuais a cada persoa maior de idade. Esta iniciativa nace do descontento popular ante a crecente desigualdade salarial produto da xestión da crise económica. O comité popular que promove esta iniciativa, apoiada xa por mais sinaturas das precisas para a celebración da consulta, ten como último obxectivo “proporcionar unha rede de seguridade financeira á poboación”.

Parece ser que no país helvético é posible afrontar orzamentariamente esta medida pero moitas persoas se preguntarán se tamén sería factible algo semellante en España. Para iso é preciso cuantificar dita renda básica e, tendo en conta que o limiar de pobreza se sitúa arredor dos 7000 euros anuais para unha persoa que vive soa, o mencionado ingreso debe estar por enriba desa cantidade. Ramiro Pinto deixa claro que coa súa Taxa RB é perfectamente posible, Daniel Raventós dende Rede Renda Básica non ten ningunha dúbida, garantindo ademais que dereitos como a sanidade e a educación non se verían afectados negativamente na súa financiación.

Neste artigo non é posible abordar con mais amplitude un asunto tan complexo como o que nos ocupa, polo que o obxectivo non está tanto na información a que calquera pode ter acceso, como na interpelación sobre a realidade e a diversidade de alternativas que existen, mais ou menos diverxentes, para enfrontala.

Renda básica
Comentarios