Rematarán os paraísos fiscais?

DURANTE varias décadas, e malia as evidencias existentes sobre o elevado volume da evasión fiscal e do diñeiro oculto ás autoridades públicas existentes nos denominados paraísos fiscais, as organizacións internacionais e a maior parte dos gobernos non se preocuparon por acabar con esta situación. Tan só interesou a algunhas organizacións sociais e partidos de esquerda por motivos éticos.

Existían evidencias entre estes paraísos fiscais con operacións de diñeiro negro relacionadas co narcotráfico, o cobro de favores ilícitos e outras actividades ilegais, pero o nivel de resposta foi en xeral moi baixo.

En febreiro de 2007 tres senadores americanos, Levin, Coleman e Obama, presentaban un informe sobre o volume de operacións nestes paraísos fiscais e unha proposta para acabar con estes abusos. Afirmaban que era por unha cuestión de equidade, para sancionar aos individuos e ás empresas que violan o dereito fiscal e para que aqueles que traballan duro e respectan as regras do xogo non resulten desfavorecidos. Calculaban que a evasión fiscal equivalía a 100 mil millóns de dólares anuais, que vén ser unha oitava parte do Plan extraordinario aprobado fai unha semana a proposta de Obama

No seu momento esta iniciativa irritou á administración Bush, xerou tensións diplomáticas con varios dos países aludidos no informe, non gustou ao Congreso e interesou pouco aos medios de comunicación americanos.

Agora está rexurdindo certo interese para acabar con estes paraísos fiscais como consecuencia dunha serie de sucesos e sobre todo da actual crise financeira. Un dos sucesos foi a fraude fiscal por depósitos en Liechtenstein, que afectou sobre todo a Alemania, pero no que tamén había unha lista de cidadáns doutros Países europeos, entre eles de España. Tamén afectaron os escándalos das fraudes de Madoff e de Stanford, así como o contencioso do goberno de Estados Unidos coa Unión de Bancos Suízos para levantar o segredo sobre a identidade de certos depósitos.

Deste xeito chegouse a unha nova situación. Os líderes europeos do denominado G-20, na xuntanza do pasado domingo en Berlín, propoñen entre outras medidas erradicar os paraísos fiscais, uníndose así a unha das iniciativas plantexadas polo grupo de expertos fiscais de Obama.

O importante é non que queden nas simples declaracións e chegar ata o final. Isto debería levar a rematar coa opacidade fiscal dos depósitos e das operacións financeiras realizadas neses lugares. Uns están situados no Caribe, como países independentes ou baixo a dependencia aínda da Coroa británica, o que pode explicar as propias reticencias de Brown na reunión deste domingo. Pero outros están enclavados na propia Europa: Mónaco, San Marino, Andorra, Gibraltar. E sobre todo un máis importante aínda que ás veces non se inclúa baixo esta denominación, pero que en moitas operacións ten efectos parecidos: unha "boa parte da ben respectada Banca Suiza".

Comentarios