Relustros electorais

Sen saber moi ben por qué, a convocatoria das Eleicións Europeas levounos a reparar nesa ciencia, tan singular e desde logo importante, que é a estatística, algo que quizais por ser bastante leigos nela, nos resulta engaiolante a pesar de ser tan ampla e complexa.

Comecemos por sinalar que os que o solicitaron, tiveron a oportunidade de recoller nas oficinas de Correos, e de escoller, entre trinta e cinco candidaturas, que non está nada mal, para elexir os cincuenta deputados que lle corresponden ao Estado español nesta ocasión. Ou sexa, bastantes mais cas cores do arco da vella. Xa se sabe que un pode votar ou non votar, pero de optar pola primeira opción realmente serian trinta e seis, xa que cabe a opción de facelo en branco, ou trinta e sete se un se decide polo voto nulo. Pero debullemos unha miga nesta especie de abano político múltiple.

Na circunscripción electoral, que neste caso é España enteira, o 50,58 por cento da poboación son mulleres e o 49,42 homes. Pesie a tal superioridade numérica a candidatura titulada Iniciativa Feminista leva nos seus cincuenta postos titulares a vinte homes e nos dez suplentes a cinco. Por prescripción legal, certo, pero o primeiro home aparece no posto cuarto e pese ao apelido, que traducido é abelá, non se pode decir que sexa unha especie de guinda ou adorno, porque estamos certos de que a inclusión de homes nunha candidatura que no propio titular fai explícita declaración de principios, teria sobradas voluntarias para ocupar os lugares preferentes.

Compréndese que estas eleccións sexan a oportunidade se non de obter resultados, si de aparecer como un relustro no panorama político e, de aí, unha candidatura de Extremadura Unida e outra de Salamanca-Zamora-León. Claro que nisto das voces autonómicas e disidencias varias, quen bate o record é a nosa veciña Asturias, xa que compiten dúas: Andecha astur e facendo honor ao seu nome Unidá Nacionalista Asturiana cuxas siglas son UNA, ainda que suman dúas. Tamén concorren divididos os de Falanxe: Falange Española de las JONS e Falange Auténtica. Augurámoslle maior éxito a esta última, pero non por nada, é que o seu primeiro candidato apelídase antigüedad e iso algo ha valer.

Os signos e logotipos e outras circunstancias merecerian algunha atención, ainda figurando francamente moi pequenos na papeleta. Chamounos poderosamente a atención o de Iniciativa Internacionalista, cunha figura moi semellante á dunha casa de sidra asturiana profusamente extendida por estes eidos norteños e orientais. Tamén nos sorprendeu a reaparición do CDS, que déramos por esvaido.

Finalmente, e sen entrar en moitos pormenores porque seria excesivamente longo glosalos, moitas das candidaturas están recheas con parentes: irmáns, fillos e outros familiares, menos a do Partido Familia y Vida. Qué curioso.

Comentarios