Relixións e catequese

NESTE PAÍS cando se fala de relixión faise empuñando na man cirios ou paus. E rapidamente os integrismos e os progresismos amoréanse en rabaños. Nunha sociedade laica como a nosa onde as torres das igrexas debuxan desde séculos as liñas do horizonte, chama a atención o menosprezo e o desinterese polo feito relixioso. E a incultura, nai de tódolos fanatismos.

A cultura da que vimos, a que nos amamantou, a que estamos a respirar resulta incomprensible se non se coñecen as relixións. Somos fillos das relixións do Libro, a xudea, os oito séculos de presenza musulmá, os vinte de tradición cristiá maioritaria.

Causa tristura ver como unha materia imprescindible como a historia que podería ocuparse tamén do estudo das relixións perde anacos de tempo nos plans de estudo. E non obstante ninguén pode ser realmente culto se non entra en contacto coa variedade de experiencias da andaina humana. E dentro dela están as relixións. Está a catedral de Lugo. E San Juan de la Cruz. Está o Camiño de Santiago. O Réquiem de Mozart. Temos a Santa Compaña.

Están as aberracións, a morte de tanta xente, a destrución doutras culturas. Están os cruceiros das nosas aldeas. Velaí os grandes nomes de homes e mulleres que empurraron da historia desde o campo da relixión. Eles son testemuña de que nada do humano lles foi estraño.

Naturalmente unha cousa é o achegamento intelectual e cultural ó fenómeno relixioso e outra a formación relixiosa nunha determinada confesión, que non pode ser función da escola nunha sociedade plural e democrática. Esa tarefa corresponde á familia e ás igrexas. E porén as relixións tentan teimudamente introducir na escola pública a catequese e o ensino relixioso.

Hai relixións que apelan ó dereito fundamental que asiste ós pais para dar ós fillos a educación que crean convinte. Reclaman para si o dereito a educar en valores ós fillos e rexeitan unha materia como Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos. E a pesar diso non teñen inconvinte en delegar na escola a formación relixiosa dos fillos que reclaman como un dereito fundamental. Pero un dereito fundamental é unha esixencia xurídica individual ou de grupo. O que quere dicir que todos e cada un dos pais teñen ese dereito, como tamén o poderían esixir todas e cada unha das relixións. Daquela, que facemos coas outras relixións, mesmo as minoritarias? Se apelamos a este principio teremos que poñer un profesor especializado para calquera crenza relixiosa que teñan os nenos ou os seus pais.

Iso é inviable. O sistema educativo público non pode facerse cargo de ensinar as conviccións relixiosas individuais. Certamente tódolos pais e tódalas nais teñen a liberdade de facelo nas súas parroquias, sinagogas ou mesquitas. Nun país con cada vez máis credos, non é razoable manter o ensino confesional de todos eles dentro das escolas. Ningún sistema o soportaría.

A formación relixiosa ten outros lugares sen ter que alugar os servizos da escola pública. E ten outros modos de transmisión sen o formato dunha materia.

Todo pode facerse co diálogo, chegando a acordos coa única ferramenta da palabra. E sen empuñar como argumentos os cirios ou os paus.

Comentarios