Relaxing cup, ou non?

NESTES TEMPOS tan neoliberais -eufemismo de neoconservadores- pode parecer un anacronismo recorrer ao pensamento de Marx. Non obstante, é necesario recordar que elaborou un sistema filosófico potente, amplo e con matices suficientes para poder dar conta dunha parte importante do seu mundo e incluso para insinuar reflexións que permiten interpretar algún aspecto do noso. Esta característica aflora nos grandes sistemas filosóficos e permítelles manter a súa vixencia, á marxe dos avatares históricos que logren os intentos de aplicalos que outros fagan deles. Os sistemas manteranse mentres inciten reflexións das que careceriamos sen eles.

Querería, pois, analizar un aspecto da nosa sociedade desde o outeiro marxista -marxiano din os eruditos para marcar diferenzas-, e desde a actualidade na que vivimos. Leamos, por exemplo, a anécdota da fallida presentación da candidatura Madrid 2020, da que hoxe apenas lembramos xa nada. Claramente foi un fiasco -fiasco, que non fracaso, pois non podemos falar de fracaso cando non se fan os esforzos mínimos adecuados para acadar os obxectivos que se pretenden-. Todos estabamos convencidos que ía ser elixida Madrid, incluso os que non tiñamos claro que iso supuxese beneficio algún e si moitas cargas, débedas a sufragar por man común, niños de corruptelas e enchentes a costa do erario público. Dá boa conta das intencións do que se preparaba o feito de que enviaramos máis representantes a Bos Aires para cantar as loas da nosa candidatura que a suma das outras dúas (cos correspondentes gastos de representación, supoñamos).

Ademais, como se predicou oficialmente e se amplificou nos medios de comunicación -sobre todo nos afíns, e por contaxio, en todos- eramos os mellores.

Desenvolveuse unha imaxe exacerbada dos méritos propios unida a unha incidencia sobreactuada nos defectos dos demais. Todo isto xerou unha autocomplacencia convencida cos nosos méritos, e creamos unha imaxe falsa de nós e das nosas bondades e outra, non menos falsa, dos nosos rivais e dos seus defectos. Isto denomínase, en termos marxistas, ideoloxía. E como denuncia Marx, a ideoloxía deforma a nosa percepción da realidade. A de todos.

Estean seguros de que Ana Botella estaba convencida -ideoloxicamente convencida- de que o seu «relaxing cup» ía ser unha auténtica bomba que esnaquizaría as derradeiras reticencias que poderían manter os membros do COI para votar por Madrid, o mesmo pasa co ton empregado na súa alocución: ridículo, si; intencionado, tamén. Esa intencionalidade, e o esforzo que, de certo, lle supuxo conseguilo, teñen un fundamento ideolóxico. O seu asesor dicía que traballara a reo para dar o mellor de si mesma, aínda que igual non debemos fiarnos do seu asesor, que ten que xustificar os cuantiosos emolumentos que percibiu.

Ideoloxía foi tratar de tapar os defectos da candidatura de Madrid, por extensión de toda España -a non ser que Madrid queira manter sinais de identidade propios separados do resto do Estado- como por exemplo as liortas que houbo nos xuízos por dopaxe, as bolsas de sangue e a súa polémica destrución. É aquí cando é cuestionado o nome de atletas significativos, cando se cuestionan actuacións xudiciais ou se mira con receo desde a comunidade internacional a loita contra a dopaxe en España. Entón non serve para nada dicir: «No dopping in Spain».

A presentación dunha candidatura austera pretendía ocultar problemas reais da nosa economía, tanto de Madrid (pénsese na descomunal débeda dese concello) como do país (case mellor non pensar na débeda do país). Percibírono inmediatamente moitos xornalistas e membros do COI que preguntaron rapidamente polos recursos. Posiblemente non estaban preocupados pola xustiza social en Madrid, nin, por extensión, en España, senón polo mantemento dos seus privilexios e do seu estatus (ideoloxía de clase dominante).

A realidade púxonos no noso sitio. Quedamos eliminados fronte a rivais que considerabamos máis febles pola nosa mala planificación, pola nosa mala presentación, por non enfrontar os problemas de cara, tentando poñer sobre a mesa algunha solución, como si fixeron os outros. Aínda así, algúns berraron: «Tongo», «tongo», principalmente desde a festa frustrada que se pretendía levar a cabo para celebrar a vitoria de Madrid. Decátense da sibilina actuación da ideoloxía que só está disposta a admitir o que lle interesa e que pretende mover o mundo ao seu antollo.

Xa sei que moitos replicarán que desexaban que ganase Madrid por vontade propia, por afinidade afectiva coa candidatura de Madrid, pero isto como sinalou Foucault, non é máis cá forma capitalista da ideoloxía, que se enmascara e amosa como desexo o que nos impoñen, que tenta camuflarse proclamando a fin das ideoloxías e autodefiníndose como non ideoloxía, como dato, de tal xeito que o que nos mostra pretende ser a verdadeira e única realidade e non unha deformación dela. De igual forma, ideoloxía é o esquecemento, non querer volver a lembrar o fiasco institucional e persoal nin o derroche de recursos que supuxo. Todo o que non lle convén á ideoloxía dominante se esconde con novas realidades prefabricadas ad hoc.

Para rematar, e dado que vexo que estamos excesivamente relaxados ante as extravagancias dalgúns dos nosos representantes, permítanme pedir café só, dobre e ben cargado, a ver se conseguimos estimularnos un pouco e saímos do marasmo en que a crise e os que nos maldirixen nos meteron.

Comentarios