Reixa avanza que Isabel Coixet rodará un filme sobre a primeira voda homosexual

O responsable de Filmanova, Antón Reixa, afirmou onte que a directora catalá Isabel Coixet «está rematando o guión» dunha película sobre as dúas mulleres galegas que protagonizaron o primeiro matrimonio homosexual celebrado en Europa.

Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga foron dúas mestras que lograron burlar á sociedade pechada e moralista do seu tempo para casar. A argallada consistiu en que Elisa adoptou a personalidade civil dun curmán seu, falecido nun naufraxio, falsificando unha chea de documentación. Como suposta filla dun ateo, estaba sen bautizar, algo que logrou que un cura lle dese o sacramento en maio de 1901 e casar con Marcela en xuño.

A historia era coñecida tanto polo excepcional dunha voda entre persoas do mesmo sexo a primeiros do século XX como pola audacia das protagonistas, pero non abundaban os datos ata que Narciso de Gabriel (O Cádavo, 1955), catedrático de Teoría e Historia da Educación na Universidade da Coruña, se aplicou en investigar o acontecido. O resultado foi o estudo ‘Elisa e Marcela’, un repaso ao amor de ambas as mulleres dende que se coñecen na Escola Normal da Coruña ata que as autoridades que andan na súa procura perden o ronsel do barco que as leva cara á liberdade suramericana.

Libros del Silencio publicou o texto, polo que se interesou Antón Reixa, quen lle comprou os dereitos audiovisuais para facer unha película ao autor. A noticia da publicación non acadou na prensa a mesma repercusión que cando sesoubo que un sacerdote casara a dúas mulleres por engano, pero aínda apareceron reportaxes. Isabel Coixet leu unha delas e logo falou con Manuel Rivas, autor do limiar do volume, para tratar de filmar a singular historia.

Ao cabo, Reixa e máis Coixet chegaron a un acordo. Co gallo dunha estadía na Coruña, en marzo do 2010, a directora visitou Dumbría e os outros lugares nos que se desenvolveu a relación entre Elisa e Marcela a xeito de primeiro contacto coas localizacións. Isabel Coixet proponse facer unha fición de época cunha recreación de feitos que deberá ter algunhas costuras enfiadas unicamente porque, como recoñece Narciso de Gabriel, hai lagoas biográficas que non deu cuberto.

‘Limpeza de Sangue’

As datas de rodaxe e o elenco actoral aínda non se coñecen, pero Filmanova traballa paralelamente noutro proxecto, a película baseada na obra de teatro ‘Limpeza de sangue’, que confía en empezar a rodar o ano que vén ou no seguinte, a máis tardar.

O texto do ribadense Rubén Ruibal acadou tanto recoñemento como tempo tardou en chegar aos escenarios. ‘Limpeza de sangue’ gañou o premio Álvaro Cunqueiro, concedido polo Instituto Galego de Artes Escénicas (Igaem) en 2006. O galardón conlevaba a súa posta en escea, segundo entendía o dramaturgo. O Igaem facía unha lectura diferente e rexeitou encargarse da montaxe, polo que foi denunciado polo autor.

O poder do texto de Ruibal quedou patente ao ano seguinte, cando foi premiado co Nacional de Teatro. A compañía Espello Cóncavo ocupouse de representar esta historia de dúas personas de estratos sociais diferentes que concorren nunha sala de diálise dun hospital e se atopan na obriga de conviviren.

A xeira para trasladar ese conto ao cinema empezou por parte de Jacobo Paz, que se está ocupando de guión, «co máximo respecto á historia orixinal», segundo remarcar Antón Reixa. Ese respecto obtén a mesma resposta por parte do autor de ‘Limpeza de sangue’ que leva a teoría de que o realizador debe recrear a súa propia visión da obra, polo que se resiste a intervir agás cando se lle consulta de xeito concreto.

O productor de Filmanova remarcou que o filme será «100 por cento galego», aínda que, polo de agora, restan por concretar o director e os equipos actoral e técnico desta adaptación, que non se coñecerán ata pasadas unhas semanas. Reixa dá moita importancia ao labor interpretativo dos protagonistas, polo que se concede o tempo que se precisa para reunir o presuposto e poñer en marcha os equipos e materiais para que poidan preparalo.

Rubén Ruibal atribúe a concatenación de recoñecementos, montaxes exitosas e paso ao cinema, a que é unha homenaxe explícita a Roberto Vidal Bolaño e a compañía coa que o difunto dramaturgo colabourou, Teatro do Aquí.

Admiradas por Pardo Bazán

A valentía e a perseverancia de Elisa e Marcela para facer saltar polos aires todas as normas legais e éticas do momento, cando o lesbianismo era unha tendencia case que inexistente ao excluír a participación dun varón, reportáronlles un rexeitamento intranxisente e maioritaria dasociedade do seu tempo. Houbo excepcións no caso de intelectuais que observaron con simpatía e admiración o caso.

Novela

Emilia Pardo Bazán, coruñesa como as dúas protagonistas, escribiu en La Ilustración Atlántica que «la destreza y la resolución con la que Elisa urdió la maraña para soltar, por decirlo así, la personallidad femenina y adquirir legalmente la condición viril revelan una inteligencia nada común y son materia de asombro para el novelista, que apenas acertaría a idear enredo semejante».

Heroínas

Manuel Rivas rexeita no prólogo de ‘Elisa e Marcela’ que tivesen intención de ser heroínas, «porque o que elas querían era que non se coñecese nada delas. A noite era máis amiga có día. A sombra, preferible á luz. Neste caso, a información trouxo a desgraza».

Comentarios