Reinos desaparecidos

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

OS BEST-SELLER no terreo da historia non teñen demasiado interese normalmente. Como case sempre, cando un libro é moi vendido significa que non afonda no tema tratado ou que se merca polo título e remata adornando unha balda. Pero para todo hai excepcións, neste caso Sonámbulos, de Christopher Clark, unha obra sobre a Primeira Guerra Mundial que non mellora esencialmente o escrito por Margaret McMillan pero tivo moita mellor acollida.

Grazas a isto as editoriais descubriron un autor que combina á perfección profundidade, rigorosidade e amenidade no relato. Clark, profesor en Cambridge, gañara o prestixioso Premio Wolfson en 2007 cunha obra sobre o ascenso e a caída de Prusia. É esta obra, en certo modo antecedente aos Sonámbulos a que chega agora ás librarías co seu título orixinal: El Reino de Hierro.

A xeografía política é un tema tan apaixonante como mutábel. Lembro que miña nai, á vista do meu interese polos atlas, decidiu unha vez quitarlle o po ao seu do colexio. Quedei eu desconcertado... Dahomey, Sikkim, Congo Belga, Pakistan Oriental... Nunca tal vira. E alí se puxo a explicarme ela algo tan básico como que un país non é unha realidade historicamente inmutábel. Xa ven vostedes, un concepto tan sinxelo que media España non semella controlar de todo. Existen moitos reinos desaparecidos.

Prusia pertence a esas realidades esvaecidas co paso do tempo. O inicio do ensaio de Clark non pode ser máis impactante. O 25 de febreiro de 1947, con concisión xermánica a pesares de tratarse das potencias aliadas, por medio dunha lei cun só artigo, quedaba abolido o estado de Prusia, "portador do militarismo e a reacción en Alemaña".

O certo é que aquela era unha simplificación absurda. Ata trinta anos antes a historia de Prusia pintábase con matices positivos ou, alomenos, tan negativos como os das outras potencias. Foi a Grande Guerra e a culpabilización de Alemaña o que a tinguiu de negro, un proceso concluído cun goberno nazi que, como demostra o autor, pouco tiña que ver coa realidade do pasado prusiano. Hitler e a súa banda só aproveitaron a mitopoética do antigo reino para reforzar a súa cruzada asasina.

Da man de Christopher Clark remontámonos até as décadas anteriores á Guerra dos Trinta Anos para ver como un dos pequenos reinos que ocuparon un espazo agora dividido entre Alemaña e Polonia remata convertido en grande potencia en medio de leas relixiosas, monarcas de carácter contraposto, un militarismo efectivo combinado cunha diplomacia prodixiosa e, a partires da invasión napoleónica, un espertar intelectual que atopa poucas comparacións na historia de Occidente. Convén non esquecer que Einstein, Thomas Mann ou Fritz Haber eran alemáns. O símbolo da Alemaña prusiana non pode ser outro ca cúpula en forma de ‘pickelhaube’ que coroou o Instituto Kaiser Wilhelm de Química en Dahlem: a fusión do científico e o militar.

Hai un tempo diversas publicacións anglosaxonas xogaban coa instauración dun IV Reich por parte de Angela Merkel. Detrás desta visión non se atopaba outra cousa ca unha lembranza da pulsión dominadora de Prusia, enfocada agora non ao militar senón ao económico. A realidade é que o centro de Europa semella estar condenado ao dominio alemán e que o Vello Continente foi quen de resolver a pelexa entre Francia e Prusia pero non a de Alemaña e Rusia con Polonia como estado tapón. E para comprender a nosa actualidade nada mellor que volver á Historia, contada con rigor e amenidade por un autor que acadou nesta obra o seu cumio coma investigador.

Comentarios