sábado. 24.07.2021 |
El tiempo
sábado. 24.07.2021
El tiempo

Reigosa recupera a súa feira cunha trintena de postos e moito público

Público asistente á feira, na que houbo pasarrúas do grupo Cántigas e Frores
Público asistente á feira, na que houbo pasarrúas do grupo Cántigas e Frores
A cita, promovida pola asociación veciñal desta parroquia pastoricense, contará co pregón de Ana María Cabaneiro en novembro

A parroquia pastoricense de Santiago de Reigosa viviu este sábado un día de festa coa recuperación da súa feira tradicional, despois de sete décadas sen celebrarse, grazas ao empeño da asociación de veciños por salvagardar o seu patrimonio.

A estrea desta cita, que xa quedou fixada para o último sábado de cada mes, non puido ser mellor, xa que xerou moita expectación e rematou sendo unha feira do máis concorrida, tanto polo público asistente, que encheu ao longo da xornada o recinto feiral, como polos vendedores que acudiron, xuntándose unha trintena de postos con produtos de todo tipo, coma calzado, roupa, ferramentas, froita, polbo, pan ou artesanía.

"Estamos moi contentos coa asistencia que houbo e por activar de novo a feira, que antes era moi importante", apuntan desde a asociación de veciños de Reigosa e destacan tamén que é unha cita que "cadra ben" no calendario porque "non coincide coas do arredor, como Meira, Muimenta ou Bretoña -a única que se fai actualmente no concello da Pastoriza-".

Despois desta gran primeira xornada, na que tamén houbo animación musical a cargo do grupo tradicional Cántigas e Frores, o stand de Presume de Pueblo e unha exposición pictórica sobre Manuel María de Miguel Ángel Martínez Coello, a asociación veciñal xa pensa na próxima feira, a cal "vai ser grande".

"Imos ter pregón e propoñer máis cousas novas", apuntan de cara á vindeira cita, que será o 26 de novembro. Ese día a protagonista será Ana María Cabaneiro Albaladejo, filla da coñecida como Dona Nati, profesora na escola de Reigosa dende os anos 50 ata 1974. A súa presencia xa estaba prevista para este sábado, pero por imprevistos de última hora tivo que aprazarse ata o próximo mes.

Reigosa recupera a súa feira cunha trintena de postos e moito público
Comentarios