Regreso ao pasado

HAI tempo, tivemos ocasión de comentar a sonada e polémica campaña que levou a cabo a Vicepresidencia da Xunta para o auxilio social, rotulando a sua frota de veículos coa palabra in-dependencia, a pesar do evidente perigo que supuña a identificación cos diversos grupos que en Galiza se adscreben a esa opción política e que, hai moitos anos, se chamaban arredistas. Ben é certo que xunto á contundente verba, aparecían fotografías de persoas maiores de rostro ledo e sorrinte. Nós estimamos a idea un tanto paifoca, pois que nos parecia inspirada no sonado im-presionante do toureiro Jesulín que converteu o adxectivo en dúas palabras.

Pois ao que se ve o estro do outrora neoloxista segue a inspirar á Vicepresidencia, pero agora máis ben na súa vocación principal que era a de toureiro con orixinalidades tais como a de promover unha corrida de touros só para mulleres. Hai uns días o multifacético departamento fixo o propio e convocou un acto para máis de cinco mil mulleres, dentro dun programa propagandístico titulado Tempos de Mulleres, moi no estilo da lembrada dona Pilar Primo de Rivera y Sáenz de Heredia. Naturalmente as noticias de tal evento procurámolas nos xornais e axencias de prensa, pero con todo non deixan de ser absolutamente sorprendentes; quizais tanto como que a única voz que se ergueu a denunciar o tinglado, e a comparalo cunha das denostadas caravanas de mulleres, fose o PP. Aquelas brados de bronco acento, que outrora clamaban contra o mais levián asomo de discriminación ou desprezo ás mulleres, están hoxe no máis clamoroso dos silencios e aquí, como sucede na música, hai que atribuirlles o mesmo valor que teñen as notas. Se xa a emulación da anterior etapa no tocante á organización de macrofestas para a terceira idade, bateu records, a reedición do mesmo esquema endireitado cara as mulleres reúne todos os ingredientes para o alporizamento.

E xa non digamos a guinda do pastel. Interrogado sobre o asunto o titular do vicedepartamento asegurou "Que se metan conmigo que estou na política pero non insulten ás mulleres galegas" cando realmente a calificación de caravana de mulleres ia dirixida a quen a organizou e non, obviamente, ás vítimas. Iso aparte dese pouso de cabaleirismo decimonónico que atufa a superioridade e cursilería, algo do estilo da Mazurka das sombrillas de Luisa Fernanda, a zarzuela de Moreno Torroba, ou a aquilo de: "El juez de Órdenes y a las de usted" do personaxe de La casa de la Troya.

Realmente ou é que o pasado non perdoa ou é que as imitacións se impoñen, porque de seguir asi xa só falta percurar unha sé ao estilo do Castillo de la Mota e entronizar ás dúas figuras que substitúan a aquelas designadas pola Sección Femenina, que eran Isabel a Católica e Santa Tareixa. Denlles algo de tempo aos creativos que aniñan na Vicepresidencia e xa verán.

Comentarios