Refundación

Sucedéronse nos últimos anos de crise as decisións políticas drásticas dos gobernos, afectando de cheo á vida de miles de persoas. Parecía que podían provocar grandes catástrofes e protestas sociais, mais a contestación cidadá foi polo de agora moi tímida. Era de esperar, tendo en conta o control informativo imperante, a anulación do sentido crítico e o espallamento que se fixo desde hai décadas do pensamento único e do consumismo máis exacerbado entre a poboación.

Porén, o fundamental é a ausencia case absoluta de canles políticas e sindicais que servisen para defender o benestar da maioría social dos ataques actuais do neoliberalismo. Esas presuntas canles detentadas pola esquerda política oficial só contribuíron desde os tempos da transición polo xeral á decepción, por mor da entrega constante ou mesmo traizón que fixeron dos intereses dos seus representados ante os poderes fácticos de sempre. Todo a cambio da comodidade orgánica e institucional, e dunhas excelentes remuneracións, por formar parte substancial da clase política.

Aínda que pareza estraño, existe unha numerosa esquerda social. Mais está oculta ou se evita que se vexa. Mantense decepcionada e resignada, ou atordada por modas, mensaxes falsas e contraditorias. Non se pode derrubar dun día para outro o inxenuo soño americano do consumo e de formar parte da clase media no que se viviu, aínda que o realismo e falta de perspectivas do presente axuden. A cidadanía que pertence á esquerda social acumula a desilusión desde os comezos da democracia, ao ver tantas promesas políticas de signo progresista incumpridas e que as organizacións políticas da esquerda oficial non fixeron o posíbel para superar o marco establecido, conseguindo mellorar a cualidade da democracia, facéndoa máis participativa, federal e redistributiva. Ao ver o enriquecemento que houbo e a incongruencia das prácticas dos cargos institucionais procedentes desas organizacións de base popular cos principios políticos expresados nos programas.

Malditos progres de partidos e sindicatos, porque renunciaron por completo aos ideais dos que partiron, para acabaren tan baixo, formando parte do sistema global neoliberal e do pensamento único, traballando a prol da banca, esquecendo á clase media e á baixa. A súa colaboración foi decisiva para afortalar o sistema, e controlar e desmobilizar á esquerda social. Malditos progres porque converteron, cando máis se necesitaba, o instrumento da esquerda política e sindical nunha ferruxe. Eles foron os causantes do descrédito actual da política e da abstención que medra sen parar.

As súas viraxes de chaqueta política nos últimos trinta anos foron históricas polo de xeneralizadas. Miles de falsos progres que abandonando a ideoloxía socialista e comunista abrazaron o credo ultraliberal. Non deberían ser moi serios os alicerces ideolóxicos daquela xente que nutría as filas do PCE e doutras organizacións semellantes e que marchou en desbandada ao PSOE á busca dun cargo institucional.

Refundar a esquerda política resulta unha tarefa imprescindíbel. Mais, ollo, coa credibilidade dos vimbios novos, e con formas anovadas, como democracia totalmente participativa, criterios éticos, limitación de mandatos, non profesionalización da vida política, que impidan a súa dexeneración noutra esquerda política semellante á nefasta do presente.

Comentarios