Reformas no sistema tributario

EN TEMPOS de crise é fundamental que os cidadáns sintan que existe un trato equitativo á hora de soportar os seus efectos. E desgraciadamente a percepción máis común é ben diferente. Hai moitos damnificados pola crise coa perda do seu traballo, polas maiores dificultades para acceder a un emprego polos máis xoves ou por rebaixas nos salarios. E tamén polos recortes no gasto público en servizos básicos como a sanidade e a educación, que afecta sobre todo ás familias de rendas más baixas, que non teñen a alternativa de acudir aos privados.

A contribución ao gasto da crises pola vía dos impostos é moi diferente en España. Benvida sexa a recuperación do imposto sobre os grandes patrimonios que previsiblemente vai aprobar o goberno. Pero parece unha medida insuficiente para restablecer un certo equilibrio na contribución dos impostos.

Queda pendente unha reforma tributaria en profundidade e no control do fraude fiscal que dea seguridade aos cidadáns do cumprimento efectivo do artigo 31 da Constitución sobre sostemento dos gastos públicos de acordo coa súa capacidade económica mediante un sistema tributario xusto inspirado nos principios de igualdade e progresividade.

A situación veu empeorando desde finais da década dos noventa. As causas son varias. Dunha parte están os cambios nos impostos como as reformas sobre o IRPF que lle restaron progresividade, a suspensión do de patrimonio e a case desaparición do de sucesións, así como as elevadas diferenzas existentes no tratamento das rendas procedentes do traballo ou do capital. Ademais están os problemas existentes no control do fraude fiscal e a existencia dun volume preocupante de economía sumerxida.

Esta situación queda de manifesto en diversos estudos realizados nos últimos anos polo Instituto de Estudos Fiscais, polo Sindicato de Técnicos do Ministerio de Facenda ou mesmo en enquisas realizadas polo Centro de Investigacións Sociolóxicas.

O tipo efectivo sobre os ingresos pagado polos traballadores asalariados é considerablemente superior ao de autónomos, ben sexan pequenos empresarios ou profesionais. E a súa vez estas rendas están considerablemente máis gravadas que as do capital. E as grandes empresas veñen pagando no imposto de sociedades un tipo inferior aos das pequenas e medianas, grazas a diversas deducións practicadas.

Tamén están as distorsións xeradas sobre algúns impostos como é a utilización de sociedades sen contido empresarial que son utilizadas por contribuíntes con maiores rendas para pagar menos impostos que asalariados con menores ingresos, sacando vantaxe do menor tipo impositivo do imposto de sociedades que o das persoas físicas.

Ademais está o fraude fiscal de diversas actividades dunha economía sumerxida que permanece ao marxe dos impostos.

Esta reforma tributaria máis global tamén é necesaria para evitar outros perigos para cohesión social, como son a baixa conciencia fiscal existente, que chega ata case a metade dos cidadáns segundo aparece reflectido nalgunhas enquisas recentes, e que algúns xustifican pola falta de control e impunidade dos defraudadores.

Comentarios