Reforma laboral e folga xeral

A folga era inevitable. Os sindicatos estaban obrigados a convocala fronte ao conxunto de propostas e medidas do goberno. Unhas medidas que se caracterizan por ir na dirección de recortar seguridade e dereitos aos traballadores ao tempo que tampouco debuxan con claridade una proposta alternativa global e coherente para o noso mercado de traballo; tampouco e dito sexa de paso para o noso sistema fiscal. O goberno segue traballando coa lóxica dos parches, as improvisacións e os globos sonda. O principal partido da oposición está desaparecido. Sen propostas, discurso ou presenza claras. En conxunto, lamentable.

Necesitamos reformas. Especialmente no mercado de traballo. Necesitamos moita máis flexibilidade para as empresas, sen perder en seguridade para os traballadores. Temos que reducir drasticamente a taxa de temporalidade, alterar radicalmente o tratamento do despido, e favorecer a busca de solucións a escala de empresa para, entre outras cousas, axustar a xornada á conxuntura económica para evitar que crises coma a actual se traduzan en despidos masivos. Non hai moito que inventar. O concepto nórdico da “flexiseguridade”, o modelo alemán de axuste ao ciclo e o modelo austríaco para o despido deberán ser os nosos referentes. Vaiamos por partes.

Unha elevada rotación de traballadores é mala para o empresario e para o traballador. Desaparecen os incentivos a investir en formación, os traballadores non desenvolven sentimentos de compromiso coa empresa, non é posible implantar unha cultura da empresa que garanta a calidade e, por suposto, os traballadores viven na incerteza permanente, dificultando os seus plans de vida. A temporalidade reduce o benestar social.

Pero para converter en marxinal a contratación temporal e que os contratos indefinidos se acheguen ao 100% do total, hai que darlle ás empresas capacidade para axustarse ao ciclo económico, con momentos nos que a demanda é moi alta e outros nos que cae en picado. É mellor que todos os traballadores reduzan un 10% o seu tempo de traballo e os seus ingresos, que se despida ao 10% dos traballadores. Sobre todo se ese tempo excedentario emprégase para actividade formativas parcialmente remuneradas. E hai que tender a que, se chega o momento, o despido (ou a marcha voluntaria dun traballador) non supoña custes engadidos para a empresa (nin perda de indemnizacións devengadas para o traballador). Despido libre si, pero con traballadores protexidos, non so polo seguro de desemprego senón por un fondo individualizado ao que as empresas coticen durante o tempo que cada traballador está contratado e que marche co traballador durante toda a súa vida laboral. O fondo que non se consume ao chegar a idade de xubilación converteríase nun complemento á pensión.

Por suposto, o anterior supón un cambio de modelo drástico e non todo o mundo estará de acordo. Igual ata levaría tamén á folga. Pero seguro que con menos argumentos para apoiala que a convocada.

Comentarios