As redes sociais

A QUE SE dedica o meu fillo cando está diante do ordenador? É a pregunta que os pais se fan. Para eles é complicado, as redes sociais forman parte da formación cultural e da vida cotiá dos mozos e adolescentes e, a diferenza dos seus fillos que coñecen o mundo dixital dende que naceron, teñen que implicarse nunha nova realidade en moitos casos descoñecida para eles.

As redes sociais representan unha contorna con enormes posibilidades, pero tamén riscos importantes, sobre todo para os máis novos. O reto final dos pais debe ser educar os seus fillos nun uso responsable delas.

O beneficio que trouxeron as redes sociais é importante (comunicación intercontinental, traslado en tempo real da información…), pero tamén trouxeron riscos para os seus usuarios e para quen os rodea.

As novas xeracións non logran separarse dos seus ordenadores ou dos seus móbiles, perdendo a posibilidade de relacionarse con outras persoas, especialmente cos seus familiares, postergando as súas tarefas escolares para seguir a maior tontería que apareza nalgunha das redes que utilizan normalmente sobre todo Facebook e Tuenti.

Estas redes estanse a converter en arquivos diarios onde cargan unha altísima información non só da súa vida, senón dos seus amigos, os seus traballos, as súas afeccións, e todo iso con fotos e comentarios e, unha vez colgada esa información, non podemos saber o uso que se fará dela xa que escapa ao noso control.

O acoso a través das redes e a fraude crece cada vez máis co fin de arruinar a reputación de alguén, o uso da webcam de forma irresponsable ofrece unha información moi detallada sobre o que a está a utilizar (imaxe do rostro, idade, estado de ánimo, se existen persoas cerca…), información aproveitada polos chamados depredadores sexuais por iso somente debe usarse con interlocutores de confianza e non facer diante dela nada que non se faría en público.

Actualmente, segundo estudos realizados, existen mil millóns de usuarios das redes sociais en todo o mundo; pertenecer a unha rede é case algo común para todos os usuarios de internet. Pero o binomio tecnoloxía e privacidade do usuario debe combinarse con efectividade e , como din moitos estudos, «non podemos prescindir da nosa privacidade como a consecuencia das novas tecnoloxías e dos cambios sociais e, moito menos, para ter a cambio máis diñeiro, máis fama o máis amigos».

Cada vez haberá máis usuarios das redes, pero o que teñen que entender os mozos é que si son necesarias, pero que ao final existe un mundo real, e para sobrevivir nel necesítanse coñecementos reais, fóra de realidade virtual, e que non poden ser utilizadas como un escape fácil para solventar problemas que cada vez están aparecendo máis na nosa sociedade como a incapacidade para desenvolver relacións afectivas, problemas familiares, escolares ou laborais.

Comentarios