A Rede de Dinamización Lingüística incidirá no ano 2017 na promoción do galego na mocidade

Os representantes do organismo reuníronse onte en Outeiro de Rei para marcar pautas para o próximo exercicio
Asistentes á reunión da Rede de Dinamización Lingüística, en Outeiro de Rei
photo_camera Asistentes á reunión da Rede de Dinamización Lingüística, en Outeiro de Rei

A Rede de Dinamización Lingüística (RDL) promovida pola Xunta de Galicia incidirá ao longo do próximo ano na dinamización do uso do galego na mocidade, e tamén prestará especial atención ás persoas neofalantes, ao emprego da lingua nas tecnoloxías da información e do coñecemento (TIC) e na promoción do idioma propio de Galicia no marco da lusofonía.

Estes serán os eixes de traballo que marcarán a pauta para as iniciativas da RDL e así quedaron establecidos este xoves na reunión anual do organismo, que se celebrou en Outeiro de Rei.

Este encontro, que tivo lugar no salón de plenos da casa do concello, estivo presidido polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro Orol, e por algúns representantes políticos das entidades adscritas á rede, entre eles o alcalde do concello anfitrión, José Pardo Lombao.


Nestes momentos, forman parte da Rede de Dinamización Lingüística 178 entidades

O obxectivo será promocionar o uso da lingua galega no marco da lusofonía


A RDL escolleu Outeiro de Rei para celebrar a súa reunión anual con intención de pechar con este xesto o ano Manuel María no concello onde naceu o autor homenaxeado o Día das Letras Galegas de 2016. Tras a celebración do encontro, os asistentes que o desexaron puideron visitar a casa natal do poeta chairego, convertida en museo e na que a fundación que leva o seu nome custodia o seu legado.

MEMORIA. No transcurso da reunión, aprobouse a memoria de actividades do ano que agora remata, na que se deu conta de preto de 250 accións deseñadas e desenvolvidas ao longo deste ano nos concellos, baixo a coordinación da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A maior parte destas iniciativas enmarcáronse nos programas FalaRedes, Galicia Culturea. Cultura e Lingua no Verán, Nadal en Rede ou A Rede celebra...

PREVISIÓNS. O encontro de este xoves en Outeiro de Rei serviu tamén para aprobar a programación de actividades para o próximo ano, que foi deseñada pola área técnica da rede e está baseada en catro eixos.

A principal liña de traballo centrarase na mocidade. A RDL programará actividades e accións que incidan na dinamización do galego entre a xente nova, no marco do novo plan anunciado pola Xunta de Galicia neste mesmo sentido. Incidirá tamén na fidelización dos neofalantes, é dicir, as persoas que non teñen o galego como lingua materna e se introducen no seu uso.

A acción da RDL chegará tamén ás tecnoloxías da información e do coñecemento, para fomentar o emprego da lingua propia de Galicia nas novas canles de comunicación e entre todos os sectores da poboación.

Durante o próximo ano, os membros da rede traballarán, ademais, para dar cumprimento á Lei 1/2014, do 24 de marzo, para fomentar o aproveitamento da lingua portuguesa e dos vínculos coa lusofonía, aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia e coñecida popularmente como a Lei Paz Andrade. Así, o obxectivo será promocionar o uso da lingua galega no marco da lusofonía.

NOVOS MEMBROS. Na orde do día da sesión ordinaria anual da RDL figuraba tamén a incorporación de novos membros á rede. Foi ratificada a adhesión de oito novas entidades, os concellos de Gondomar, Mazaricos, Trazo, Tordoia, Coristanco, Monforte de Lemos, Pantón e Cabanas.

Tras a solicitude inicial de ingreso, estes oito concellos contaban coa adhesión provisional, autorizada pola xunta directiva da RDL, pero este xoves na sesión plenaria formalizouse a súa entrada oficial e xa son membros de pleno dereito.

Nestes momentos, forman parte da Rede de Dinamización Lingüística 178 entidades. Figuran entre elas máis da metade dos concellos galegos, ademais do Consello da Cultura Galega e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), entre outras.

Comentarios